Non hai moito que non se acabe nin pouco que non alcance.

Sabor agridoce, comentan algunhas plumas dos diarios máis lidos na contorna. Si, sabor agridoce para aqueles que agardabamos un cambio de rumbo tan necesario. Si, non era o momento máis oportuno de perder a conveniencia que se presentía. Non é o momento de ceder catro anos máis sen decidir.

De todas formas, saíran como saíran os resultados das eleccións deberemos seguir afirmándonos no orgullo de ser quen somos. Os datos serán de melloría para os que pensabamos e pensamos que somos nós os donos do noso, da sorte e fortuna que se nos poña por diante, na responsabilidade de gobernar os nosos problemas, aqueles que se nos presenten. Deberemos ser nós -por toda lóxica- quen os resolvamos. Dubidamos sempre, pero hai que estar firmes nese anceio común, anque moitas veces os nosos representantes non teñan a urxencia de representarnos no que somos.

Temos, dun xeito ou outro, que reafirmarnos e seguir mirando cara adiante, a pesar de tantos que nos negan, de tantos que se negan a si mesmos, de tantos que negan a evidencia, de tantos que apartan da verdade. A pesar dos negacionistas de sempre que só cren no medo e na intimidación. Temos que salvar a nosa existencia agarrándonos á liberdade, esa que está a carón da verdade, moi pretiño da dignidade. Única bandeira e único medio eficaz e limpo de acadar o que nos corresponde. A lei D´ Hont amanceba números para que as cousas cadren ben. E iso que houbo asistencia e moita ilusión nun día bo, que ventaba horizontes.

“Temos, dun xeito ou outro, que reafirmarnos e seguir mirando cara adiante”

O auto desprezo que nos gastamos é moi profundo e temos que chamar tamén por esa xente, convencela da verdade, porque ese estado latente de mentira empobrécenos en teimosías inoculadas hai moito tempo.

Debemos facelos sabedores e sabedoras dese mal querer que nos ataca, de tanta volta e reviravolta que non deixan ver con transparencia as contaminadas formas de facer, de privilexiar amizades, de incumprir o mandado e a lei. Se volvemos a vista atrás para facer memoria, para comprender o tamaño dos feitos e das actitudes que nos trouxeron a onde estamos. Se a iso engadimos a ineptitude en tantos temas primordiais, entón xa teremos a consciencia en orde e a conciencia necesaria para asumir os datos que veñan, as votacións que deban poñer couto ao abuso e ao exceso. Todo xa con coñecemento e responsabilidade.

O certo é que, unha vez máis, democraticamente cedemos anos que serían propicios para a recuperación do sentimento feliz de orixe e pertenza, de Lingua e determinación para reconstruírnos ante o abandono ou a renuncia, a desidia e desconsolo indolente de tanto dano medioambiental, da Cultura en letras grandes, de tanto dano causado no desleixo, na ausencia de previsións, de axudas para sabernos lonxe da cesión entregada aos que mandan desde Madrid.

Ben quixera que volvese a xente ao rural, que non houbese a crise de poboamento e abandono, que houbese unha reestruturación das plantacións e montes, na agricultura, no acceso ás vivendas da xente nova, na dignidade dos traballos, nunha industrialización sostible, no control dos prezos, na atención aos desatendidos, de boa praxe educativa e medios para atención con menos ratio por aula, de medios e certezas médicas con pronta asistencia e probas con atención personalizada.

Alá, ao lonxe, contestáronme voces: …”pero ti que pensas? Estás tolo!. Todo iso sería posible se gañasen outros que tivesen gañas de facer cambiar isto! Mais como somos “masocas”, pasa o que pasa e temos que roelo así. Son redes clientelares que funcionan con garantía de protección e subvención, e funcionan, ben se ve”. Quédanos o consolo de que non hai moito que dure sempre, nin pouco que non aumente.