Agora que Juan Luís Cebrián ven de soltar lastre no Diario El Pais, cando Felipe González se mostra tan activo politicamente tratando de dirixir ao PSOE con mando a distancia e que este partido atopou un novo líder, que aínda non se puido asentar de todo, se é que algún día consegue facelo, entendo pode resultar ilustrativo este texto que atopei por aí, nas redes, onde se escribe do divino e do humano.
Obviamente non trato de que isto sexa a Biblia dos crentes relixiosos, senón uns datos máis que poden servirnos para atar cabos, analizar situacións e ver en que medida estas cousas, estes datos, van encaixando neste noso “vivir sen vivir en nós”, parodiando ao poeta, fronte aos medios de comunicación que acotío nos bombardean e dos que non somos quen de liberarnos facilmente.
Como di o titular eu non quito nin poño rei, só trato de informar.
Enlace entre Felipe González e José Luís Cebrián
O enlace comeza dende o momento mesmo en que o diario foi inventado e o partido re inventado; en ámbolos dous casos para apuntalar unha Transición ordenada e sen aventuras izquierdistas ou republicanas.
Cando se buscan metáforas sobre a evolución da España democrática -éxito da Transición, a modernización, a burbulla, a pelotada, a caída e a lameira- hai dous nomes que sobresaen: Juan Luís Cebrián, encarnación de El Pais, e Felipe González do PSOE. O diario El Pais non foi soamente un actor clave da Transición, senón que se transformou nun referente internacional -periodístico e de negocio – antes de que a dinámica do capitalismo de casino o arrastrara á critica situación actual, arruinado, tomado pola banca e distinguido voceiro das campañas do establishment.
Ao seu carón, o PSOE recorreu un camiño parecido: actor máis relevante da España democrática, artífice da súa modernización, tamén foi escaracochado pola cultura da pelotada; abandonou moitas das súas bandeiras e recentemente ven de facilitar a investidura de Mariano Rajoy como Presidente do Goberno. Non é fácil elixir cal dos dous simboliza mellor estes 40 anos de España ,pero, probablemente o dilema sexa absurdo: porque son as dúas caras da mesma moeda.
A simbiose entre Cebrián e González, entre El Pais e o PSOE, é coñecida e xa leva así 40 anos. O casamento prodúcese case que no momento en que o diario foi inventado e o partido re inventado; en ámbolos dous casos para fortalecer unha Transición ordenada e sen aventuras esquerdistas ou republicanas; dáselle forma oficial cando Felipe chega ao Poder en 1982 e se produce unha fuxida dos accionistas máis dereitosos do xornal. Pero nos anos supostamente gloriosos da década de 1980, a fortaleza de ámbalas dúas institucións foi tamén unha garantía recíproca: a súa afinidade non levaba implícito a asimilación e sempre houbo entre si unha marxe para a discrepancia e desacordos, incluso en aspectos tan relevantes coma o referendum da OTAN.