En 1996 os socialistas perderon o Goberno e a relación quedou descompensada, o partido pasou a ser a parte máis débil, ata que a vitoria de José Luís Rodríguez Zapatero, en 2004, parecía que ía retomar a dinámica dos gloriosos anos 80. Non foi así: o novo presidente tratou de emanciparse da tutela de González e, polo tanto, de PRISA. Ata deu alentos á creación dun polo mediático afín que, supostamente, ía poñer na rúa Jaume Roures.
A resposta de González e Cebrián contra Zapatero foi virulenta e coordinada. Chegou a niveis moi altos, e moito máis logo da morte de Jesús de Polanco, en paralelo ao deterioro financeiro do Grupo PRISA que afrontou o crash mundial cunha débeda impagable de 5.000 millóns de euros.
González sería clave na re capitalización do grupo; primeiro co financeiro Nicholas Berggruen, que buscaba unha axenda de contactos para dar lustre ás ambicións intelectuais da súa fundación, logo coa toma acionarial por parte do establishment dende a banca nacional e internacional ata Telefónica que acudiron para salvar o tándem que simbolizaba España.
Nesta nova etapa a simbiose xa non se oculta: González leva a voz cantante do Comité Editorial de El Pais a carón do intelectual que creou Ciudadanos, Francesc de Carreras; escenifica nos medios do grupo, tanto na Cadena Ser coma no Pais, as últimas chamadas a rebato de cada nova campaña; ata os Premios xornalísticos Ortega e Gasset se conceden aos seus clientes.
Os Papeis de Panamá descubriron que a asociación tamén chega ata terreos menos confesables, polo menos nas escuras aventuras africanas do polémico empresario iraní Massoud Zandi, íntimo de ambos. Este mundo nebuloso que se sospeita cando cae o pano deixa claro que realmente o futuro non é o que era, título que elixiron para o libro que Cebrián e González escribiron conxuntamente en 2001. Pero aínda cando o pano sube, comeza o espectáculo e os homes que pagan a festa aplauden dende as súas butacas privilexiadas. O espectáculo é imposible de tapar xa que nada é como era: dende 2008 El Pais perdeu a metade dos seus lectores, ao PSOE pasoulle algo parecido. Parece que nos últimos tempos trata de recuperar enerxía.
As declaracións de Pedro Sánchez aos medios naqueles momentos de “No es no”, denunciando a chantaxe que El Pais pretendía facerlle; a presenza de máis políticos importantes no Consello Editorial de El Pais e o intento de Felipe e os baróns de dirixir ao partido dende a sombra confirman os felipistas non se dan por vencidos.
Confiemos que as bases socialistas arroupen debidamente a Pedro Sánchez de maneira que a súa forza e amparo poidan liberalo do xugo ao que pretenden atalo.