Cando un se para a pensar como eramos a principio de século e como somos agora non deixamos de sentir unha certa nostalxia daqueles duros tempos. Duros para vivir con apenas nada. Duros para enfrontarmonos coa fame, co frío, coas necesidades máis elementais.
Sen embargo tamén tiñan o seu engado. Tamén mostraban o mellor de cada quen fronte as necesidades dos demáis. Eran, digamos, tempos máis fraternos, máis solidarios; pero dunha solidariedade permanente, día a día, todos os días. Non como agora que de socato por mor dun atentado todos nos sentimos Barcelona, Madrid, París. Berlín, Nova Iorque.
A solidariedade de antes estaba estimulada polas diferenzas entre clases sociais. Existían os ricos, os potentados, os que se tiñan quedado con todo dende os tempos inmemoriais. Ninguén se preguntaba nada porque se daba todo por natural. Que ía esixir un/unha criada/o aos seus amos se xa naceran para iso?. Tiñano asumido; xa os seus pais foran criados, algúns case escravos. Os señores non se cuestionaban ningunha solidariedade cos de máis abaixo, coa plebe. Era natural. Os fillos de D.Fulano de Tal tiñan que ser iguais que seus pais. Debían ter criados ao seu servizo porque así xa estaba escrito no “código romano”.
Neste ambiente os pobres, os necesitados estaban sempre prestos para botar unha man cada vez que un dos seus, un da súa familia de desherdados, lles ocorría algunha desgraza. A morte dun fillo en plena mocedade, a queima da súa choza (vivenda), que o deixaba na rúa co posto, a morte dalgún animal doméstico que formaba parte do sustento da familia, etc.Todos eran todos, pero todos os días. A súa desgraza era estructural; era o resultado dun reparto de riqueza inxusto, intolerable, pero contra o que nada podían facer.
Hoxe ocorre un atentado en calquera cidade do mundo. Uns fanáticos, sen preguntarnos a orixe dese fanatismo, levan por diante e matan unha morea de cidadáns que tranquilamente paseaban por unha rúa, por unha avenida. De súpeto o mundo “civilizado” séntese formando unha piña. Sente como se os efectos desa desgraza o afectaran directamente. Organízanse manifestacións en vilas e cidades, coa presenza das autoridades máis representativas, incluídas a realeza. Os medios de comunicación bombardean aos lectores, aos oíntes, aos televidentes coa tráxica noticia lembrando que todos temos que ser solidarios, todos temos que ser Barcelona, París, Nova Iorque, etc.
Quen se atreve a poñer en dúbida esta premisa fundamental: a barbarie, o terrorismo hai que combatelo con todas as armas ao noso alcalce. Non faltaría máis. Os cidadáns normais e correntes; pagadores de impostos e traballadores con soldos de miseria, , teñen que entender que deben aceptar unha situación incómoda (restricción de acceso a certos lugares, someterse a cacheos en calquera sitio onde se xunten unha pequena morea de xente, recortes nas súas liberdades,etc.). Todo iso faise polo ben dos cidadáns honrados, civilizados, demócratas.
As autoridades de todo o mundo, dende a China ao Caribe, convócanse a reunións institucionais de alto copete para acordar medidas contra esta barbarie. E tómanas. Deciden, por exemplo, rastrexar todos os carnets de identidade que teñen ao seu alcance (e son cáseque todos) para que ninguén poida escapar aos controis que en cada aeroporto, porto ou estación de autobuses se instalan. Rematan esas reunións convencidos de ter dado un paso máis cara a unha sociedade máis segura. Non se atreven a dicir, cara a unha sociedade menos libre, menos demócrata, máis cautiva, controlada, vixiada. En suma, unha gaiola de cristal con cámaras de vixiancia en cada curruncho, pero todo pola nosa seguridade.