Pontevedra | Cambio de timón na Deputación de Pontevedra. Tras oito anos de goberno da socialista Carmela Silva (quen por certo non estivo presente no traspaso de poder), a Deputación volve a mans do Partido Popular de Galicia (PPdeG) agora baixo o mando do ex alcalde de Rodeiro Luís López Diéguez (1978), quen asumiu este 6 de xullo como novo presidente da entidade provincial para o período 2023-2027.
E faino cunha maioría absoluta alcanzada nos comicios municipais do pasado 28 de maio: dos 27 deputados provinciais o PPdeG ten 14, por 9 do PSdeG-PSOE e 4 do BNG. Os ‘populares’ gañaron con contundencia en 6 dos 7 Partidos Xudiciais que conforman a provincia pontevedresa, sendo estes Vigo, Pontevedra, Cambados, Tui, Ponteareas, Lalín e A Estrada. Como explicou o propio López Diéguez, “somos o único partido con representantes provinciais procedentes dos sete partidos xudiciais de Pontevedra”.
O peso provincial do PPdeG é incuestionable: obtivo 414 dos 885 representantes dos 61 Concellos da provincia. López Diéguez definiu que “somos un partido con vocación de servizo público e de goberno” que dirixiu esta institución durante 32 anos entre 1983 e 2015″.
Con todo, no seu discurso inaugural como novo presidente da Deputación, López Diéguez, cariñosamente coñecido como “O Lugués”, quixo lanzar unha mensaxe conciliadora de cara á oposición, o PSdeG-PSOE e o BNG: “quero expresarlles o meu recoñecemento polo traballo realizado nesta institución” pedindo “con humildade” traballar xuntos “polos Concellos, que son a alma desta institución. Non vimos a destruír nada. Non vimos con ánimo revisionista pero temos o dereito e a obriga de gobernar”.
Amenizado pola Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra, o acto de toma de posesión realizado no Pazo da Deputación de Pontevedra contou cunha nutrida representación de autoridades civís e militares nas que destacaron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; os conselleiros da Xunta, Román Rodríguez e Julio Comesaña, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a ex presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor; os ex presidentes provinciais Rafael Louzán e César Mera; e o presidente do R.C.Celta de Vigo, Carlos Mouriño, entre outros.
Tralo xuramento do/as 27 deputado/as provinciais que foi xestionado polo agora ex vicepresidente da Deputación César Mosquera (BNG) e a socialista Ana Laura Iglesias, no que destacaron mensaxes reivindicativas sobre a memoria histórica e os dereitos da Galiza como pobo da man das deputadas socialista María Ortega e da nacionalista María Manuela Rodríguez Pomar, tocoulle a quenda de palabra ao tamén deputado socialista Carlos Font como representante do anterior goberno na Deputación.
Font reivindicou a “transparencia” da xestión do anterior goberno da socialista Carmela Silva (2015-2023), así recoñecida polo Ministerio de Facenda e do Tribunal de Conta: “a Deputación de Pontevedra é líder en transparencia administrativa a nivel estatal. Un 34,47% dos seus fondos van directamente aos Concellos” defendendo neste sentido a viabilidade do Plan Concellos, unha das liñas matrices da xestión do goberno anterior.
López Diéguez, quen terá como vicepresidentes provinciais á deputada Marta Fernández-Tapias e ao deputado Rafael Domínguez, destacou que “nunca busquei protagonismo pero tampouco fuxo das responsabilidades”. Salientou a presenza “dun 50% de alcaldes e alcaldesas no goberno provincial” que considerou como “un cambio importante”.
“Hai que abrir unha nova etapa e aplicar solucións diferentes e políticas distintas” explicou o novo presidente provincial quen adiantou cales serán as súas prioridades: a igualdade de xénero, o cambio climático e o medio ambiente, apostar pola demografía, defender a cultura e lingua galega “nun mundo cada vez máis global”, promoción económica, xeración de riqueza, asentamento de empresas e creación de emprego, infraestruturas e servizos públicos e “recuperar o apoio das asociacións e colectivos veciñais e sociais”.
Prioridades que deberá medir o novo goberno provincial ante unha nova conxuntura electoral prevista cos comicios xerais do vindeiro 23X. Unha nova etapa na que tamén deberá acometer con sagacidade e ánimo conciliatorio os conflitos sociais que están desenvolvéndose actualmente: mentres López Diéguez tomaba posesión do novo goberno, as aforas do Pazo da Deputación presenciaba as protestas dos traballadores do Metal e das Ambulancias que nestes días están en folga esixindo un novo contrato colectivo e maior atención e recursos.