Ourense | A Deputación de Ourense impulsa coa Xunta de Galicia e coas Comunidades Intermunicipais do Alto Minho, Cávado e Alto Támega e Barroso unha nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), a cuarta que se constitúe na Eurorrexión e que servirá para incrementar a cooperación co territorio luso.
O vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense, Plácido Álvarez Dobaño, reuniuse co alcalde de Arcos de Valdevez, João Esteves e o primeiro secretario da Comunidade Intermunicipal do Alto Miño, Paulo Queiroz, que chegaron a un acordo sobre o Convenio Constitutivo e os Estatutos da futura Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Raia Seca – Reserva da Biosfera Gerês-Xurés.
Á reunión asistiron tamén o subdirector xeral de Acción Exterior e cooperación transfronteiriza da Xunta de Galicia, Xosé Lago, e a asesora xurídica da Deputación de Ourense, Ángeles Cantón.
A nova AECT estará composta pola Deputación de Ourense, en representación dos concellos de Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobios, Lobeira, Baltar, Padrenda, Verea, Quintela de Leirado, Muiños, Cualedro, Oímbra e Monterrei.
Pola parte portuguesa, estarán as Comunidades Intermunicipais do Alto Minho, Cávado e Alto Támega e Barroso, en representación dos concellos de Arcos de Valdevez, Melgaço, Ponte da Barca, Terras de Bouro e Montalegre.
Unha vez aprobados os textos polos plenos da Deputación de Ourense e das CIM portuguesas, serán firmados en Ourense, para a súa remisión aos gobernos de España e de Portugal, que deberán autorizar a nova AECT.
Esta AECT é a cuarta que se constitúe na Eurorrexión, tras a de Galicia-Norte de Portugal, que abrangue todo o territorio de Galicia e a Rexión Norte de Portugal (a primeira que se creou na Península Ibérica e a terceira de Europa); a de Chaves-Verín e a do Río Miño, esta última na provincia de Pontevedra.
Mellor preparación para fondos europeos
A AECT servirá para incrementar a cooperación con Portugal, en especial na contorna da Baixa Limia e da Reserva da Biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés e servirá para dar maior visibilidade a esta zona da fronteira e para estar mellor preparados para poder captar fondos europeos para o desenvolvemento destes territorios. O convenio pasará por pleno da Deputación de Ourense para a súa aprobación.