O Covelo | O Concello de Covelo convida á cidadanía a gozar un sábado máis da Mostra de Produtos de Covelo. A mostra, que se celebrará este sábado día 5 de 10 a 14 horas, aséntase na axenda da veciñanza da área metropolitana que, cada primeiro sábado de mes visita, a nosa vila para mercar produtos de primeira calidade e gozar da gastronomía local.
A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, informa que, por mor das obras de humanización da praza Mestre Cerviño e contorna, a mostra ubicarase na travesía de Vigo nas inmediacións do centro de saúde e do lavadoiro.
Artesanía, agricultura ecolóxica, xoiería, moda, produtos de beleza, pulpeiro, voluntariado social e música son algunhas das propostas que atraen mensualmente á veciñanza local e multitude de persoas dos concellos veciños que optan por pasar o resto do día percorrendo algún dos diferentes roteiros de sendeirismo, visitando a rectoral de Barcia de Mera, o Museo Pazo da Cruz, paseando pola praia fluvial de Maceira ou gozando das vistas do miradoiro do Castelo do Faro.
“A Mostra de Produtos de Covelo facilita un espazo no que clientes e produtores da zona poden coñecerse pero ademais promove un encontro no que socializar e gozar do tempo de lecer. A maioría das persoas aproveitan para coñecer o noso concello e degustar a gastronomía local na que non faltan boas carnes e receitas tradicionais, tendo tamén ocasión de probar pratos máis novidosos na hostalaría das rectorais ou da aldea Lugar dos Devas”.
Na páxina web do concello pódense atopar todos os atractivos turísticos locais http://www.concellodecovelo.es/?sec=25
Máis de 17.000€ en axudas
O goberno de Covelo concedeu as axudas económicas aos negocios do concello afectados pola declaración do estado de alarma polo COVID-19. En total, e durante o estado de alarma, o goberno repartíu 17.184,83€ entre autónomos, empresarios individuais e pequenas empresas con domicilio social e fiscal en Covelo.
Co obxecto de paliar as consecuencias derivadas da pandemia e minimizar a grave situación económica e social á que se enfrontaron os negocios locais o goberno otorgou durante o ano 2020 e o 2021 axudas económicas que apoiaron a preto de vinte empresas.
En concreto, no ano 2020 e con fondos propios do Concello, concedéronse axudas directas a 15 empresas repartindo un total de 10.200€ entre autónomos, empresarios individuais e pequenas empresas que reunían os requisitos.
Pola súa banda no ano 2021 o goberno de Covelo, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, destinou 6.984,83€ a apoiar con axudas económicas a 4 empresas locais.
O alcalde Pablo Castillo explica que o obxectivo foi protexer o interese xeral da cidadanía de Covelo prestando apoio inmediato ás empresas e persoas autónomas e axudar a que agora poidan retomar a súa actividade contribuíndo na reactivación da economía local.