A Cañiza | No Pleno do pasado 30 de marzo o Concello aprobou por unanimidade a nova ordenanza municipal reguladora de protección e conservación das vías públicas municipais en relación coas operación forestais de corta, retirada, depósito e transporte de madeira e que ten por obxecto regular a actividade forestal extractiva de corta e saca de madeira a leña dentro do municipio co fin de conservar e protexer a infraestrutura viaria pública municipal.
A ordenanza regula a actividade extractiva de madeira non considerada de autoconsumo, establecendo o procedemento de autorización, as obrigas e prohibicións para as persoas responsables, o depósito de garantías que cubran os posibles danos así como a tipificación das infraccións e sancións a aplicar.
A aprobación desta nova ordenanza está motivada pola importancia que ten o sector forestal extractivo de madeira a leña no noso territorio e a incidencia desta actividade na conservación e mantemento do viario público, polo que é necesario compatibilizar as actividades de aproveitamento forestal coa conservación das vías e bens municipais, preservación do medio e a protección da paisaxe.
Quén ten a obriga de solicitar os permisos
Está especialmente dirixida ás empresas madeireiras, é dicir, calquera persoa física ou xurídica que realice os labores de preparación do terreo, repoboación, corta, saca, depósito e/ou transporte da madeira. Inclúe tamén as persoas propietarias que realicen algunhas destas actuacións nas parcelas da súa propiedade, sempre a cando non sexa para o autoconsumo de madeira e/ou leña e non teñan por destino a súa comercialización.
Solicitude: prazas e concesións
Para realizar traballos de corta e saca de madeira en terreos con plantacións forestais pertencentes a este Concello, será obriga presentar no rexistro das oficinas municipais unha solicitude de autorización por escrito, con 15 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio dos traballos, conforme ao modelo contemplado no Anexo I desta ordenanza, e sen prexuízo da obtención dos permisos e/ou autorizacións que, de acordo coa normativa vixente, sexan necesarios, xunto coa documentación complementaria que se recolle na ordenanza.
O Concello notificará a autorización favorable ou desfavorable, nun prazo máximo de 15 días; transcorrido este prazo sen notificar, a autorización considerarase concedida.
Ademáis o Concello, motivadamente, poderá limitar ou denegar a circulación de madeira por calquera das vías ou zonas públicas indicadas na solicitude de autorización, tendo en conta circunstancias como resistencia ou o estado do firme, pistas de terra en momentos de moita choiva, ubicación, etc. Tendo a obriga o Concello de ofrecer unha alternativa se esta denegación se alonga mais de tres meses no tempo.
Garantías e sancións
O artigo 7 da nova ordenanza recolle tamén no capítulo de Garantía que as empresas madeireiras deberán depositar unha fianza ou garantía en metálico ou aval bancario a favor do Concello e por cada operación de corta a saca do madeira, co obxecto de responderen dos posibles danos a prexuízos causados e non reparados por mor da súa actividade, nas seguintes cuantías:
Por tonelada de madeira extraída: 0,50 € /Tm; Vías públicas con firme de terra, zahorra ou semellante: 500 €/km, ou fracción; Vías públicas con firme de formigón, asfalto, aglomerado ou semellante: 1000 €/km, ou fracción; Existencia de pontes, pontellas e elementos da infraestrutura viaria semellantes: 800 €/Unidade; A contía da garantía poderá ser actualizada anualmente en función do IPC.
Ademáis o Artigo 11 recolle a tipoloxía das sancións que se poderán aplicar; As infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas; Infraccións leves: multa de ata 300,00 euros; Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 300,01 euros e 1.000,00 euros; Faltas moi graves: multa de contía comprendida entre 1.000,01 euros e 3.000,00 euros.