Novas Xeracións do PP de Ourense impulsa ‘Escoitando para Medrar’

Encontros de traballo na Baixa Limia e Terras de Celanova

Muíños | A mocidade da organización xuvenil Novas Xeracións do Partido Popular nas comarcas da Baixa Limia e Terras de Celanova celebraron reunións de traballo no marco do programa “Escoitando para Medrar”, unha iniciativa que busca achegar a política á mocidade ourensá e recoller as súas inquedanzas para trasladalas ás institucións.

Muíños e Celanova foron o escenario de ambas xuntanzas, que contaron cunha destacada presenza de mozas e mozos de ambas comarcas, encontros nos que participou o presidente do PP de Ourense, Luis Menor, o presidente provincial de Novas Xeracións, Ignacio Campo, e os alcaldes dos municipios das dúas zonas.

Luis Menor puxo en valor a participación da mocidade na vida política, subliñando que encontros deste tipo “serven para intercambiar ideas sobre como atraer á xuventude a este ámbito da sociedade”. Incorporar á mocidade á política, afirmou, tamén serve “para fortalecer a estrutura do partido, ampliar a súa base e garantir o seu futuro”, obxectivo no que Novas Xeracións xoga un papel esencial e, para elo, “ten que marcar un claro roteiro”.

En nome de Novas Xeracións, Ignacio Campo sinalou que “o noso compromiso é claro: escoitar aos mozos e traballar en solucións reais que melloren o seu futuro en Ourense”. A organización xuvenil, apuntou, “ten que aspirar a ser un axente de cambio e progreso para a sociedade”.

Con estas reunións, Novas Xeracións de Ourense segue fortalecendo a súa presenza no territorio, apostando por unha política próxima e participativa que permita construír un futuro mellor para a mocidade da provincia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.