Nove centros educativos incorpóranse ao modelo Ponte…nas Ondas!

Coincidindo co 30 aniversario desta asociación este 26 de marzo

Santiago de Compostela | A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de incorporar nove centros de toda Galicia ao programa de educación patrimonial Ponte… nas Ondas!, recoñecido en 2022 pola Unesco como Modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). Súmanse aos 19 colexios e institutos que xa viñan participando nel en cursos anteriores.

Os centros escolares de nova incorporación ao programa este curso son o Instituto IES Plurilingüe de Ames (Ames), o Centro Público Integrado CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños), o IES de Ordes (Ordes), o IES Eduardo Pondal (Ponteceso), o Colexio CEIP Plurilingüe A Igrexa-Calo (Teo), o CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), o CEIP do Foxo (A Estrada) e os institutos IES Alexandre Bóveda (Vigo) e Valadares (Vigo).

Os centros participantes contan cunha serie de recursos para fomentar a implicación dos escolares nas súas propias tradicións e afianzar os lazos coa lusofonía e o vínculo con Portugal, co obxectivo é ir incorporando progresivamente ao sistema de ensino público este modelo recoñecido polas Nacións Unidas.

Programación especial
Precisamente a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, judith Fernández, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron hoxe na presentación do 30 aniversario deste programa, do que destacaron o seu valor para salvagardar o patrimonio cultural inmaterial común para Galicia e Portugal e achegalo aos máis novos. Neste senso, felicitaron á Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! polas súas tres décadas de traballo á fronte desta iniciativa de éxito.

Máis de 60 centros participarán o vindeiro 26 de marzo na programación radiofónica especial do 30 aniversario, , realizando programas de radio en directo coa participación de persoas portadoras do Patrimonio Cultural Inmaterial (redeiras, alfareiros, contadores, regueifeiros…), artistas convidados e conexións con radios profesionais.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.