O pasado día 14 deste mes que andamos cumpríronse 90 anos daquel 14 de abril no que no Concello de Eibar os veciños enfervorecidos erguían a bandeira da República na fachada da Casa do Concello. Eran os primeiros en celebrar o resultados dunha eleccións municipais que se converteron en dinamizadoras da posta en marcha da República no Estado Español.
Veñen de cumprirse 90 anos desde que a primeira democracia digna de tal nome chegara a España. Non era perfecta, tivo luces e sombras pero mellor en tódolos sentidos que o réxime corrupto de Alfonso XIII. Claro que aquela República atrevíase a provocar aquel réxime feudal; quería modernizar o ensino, dotar aos cidadáns de dereitos e liberdades, que quería investir máis en mestres que en armamento, que pagou a ousadía con sangue, cun golpe de Estado, cunha guerra que se prolongou artificialmente para xustificar a brutalidade, o xenocidio cruel e sistemático. Os golpistas de hoxe, que tamén os hai, xustifican a Guerra Civil como a defensa do estado Español dunha ditadura comunista.
“Non era perfecta, tivo luces e sombras pero mellor en tódolos sentidos que o réxime corrupto de Alfonso XIII. Claro que aquela República atrevíase a provocar aquel réxime feudal; quería modernizar o ensino, dotar aos cidadáns de dereitos e liberdades”
Hoxe, cando escoitamos e lemos declaración de certos grupos políticos, temos a sensación de revivir aqueles tempos infernais, cruentos, inmisericordes. Xa daquela se falaba dun goberno comunista cando saíra dunhas eleccións organizadas por un goberno burgués; agora falase de social-comunismo para desacreditar a un goberno que saíu, igualmente, despois dunhas eleccións e de acordo coas decisión dos grupos parlamentarios.
“Hoxe, cando escoitamos e lemos declaración de certos grupos políticos, temos a sensación de revivir aqueles tempos infernais, cruentos, inmisericordes”
O historiador Angel Viñas (un dos historiadores que mellor ten estudiado todo o que fai referencia á 2ª República), ofrécenos , sen ser exhaustivo, seis categorías das razón que daquela se argüían para derrubar a República:
a/ A súa ilexitimidade radical dende a súa orixe,
b/ O carácter, esencialmente “revolucionario” promovido polas esquerdas,
c/ A agresión á que someteu ás forzas vivas do Estado: Igrexa, militares e propietarios,
d/ Unha política tendente á destrución da unidade da PATRIA (así en a maiúscula),
e/ A esencial incapacidade do Goberno, tamén supostamente ilexítimo, de manter, logo das eleccións de febreiro de 1936, a orde pública, para desembocar nunha revolución que eran preciso previr a toda costa e finalmente, que non no último lugar, o perigo de que, unha vez marxistinizada, España caera vítima da estratexia moscovita tendente a penetrar na Europa Occidental polo seu baixo ventre, coa fin de asestar un golpe case que mortal á civilización cristiá e occidental.
Se os estimados lectores teñen a paciencia de reler esta relación de causas que daquela os partidos que apoiaban á coroa consideraban perigosas para o Estado, non lles será difícil apreciar o enorme parecido coas “razón” que certos partidos da dereita máis cavernícola nos están ofrecendo nestes momentos.
En conclusión, para ser breves, a 2ª República non fallou; foi condenada dende o primeiro momento da súa constitución, sen citar a “Sanjurjada” (golpe de estado dado por unha parte do exército, dirixidos polo xeneral Sanjurjo o 10 de agosto de 1932). Dende o seu nacemento foi “minada” polos poderes fácticos que quedaran descualificados e comprobaban como outra maneira de gobernar se impuña.
“A 2ª República non fallou; foi condenada dende o primeiro momento da súa constitución (…) Dende o seu nacemento foi “minada” polos poderes fácticos que quedaran descualificados e comprobaban como outra maneira de gobernar se impuña”
Algo que non estaban dispostos a tolerar. Franco non foi o cerebro do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936; Franco subiuse a un carro que lle puxeron diante; agarrou as bridas dos cabalos e xa nos as soltou ata que morreu na Pardo en 1975. Estariamos aquí horas e horas escribindo sobre o caldo de cultivo de 2ª República, dos feito que a provocaron e do comportamento dos lideres políticos que se puxeron á fronte nun primeiro momento. Pero iso resultaría incómodo para lectores de hoxe en dia que non están habituados (mellor, non foron educados) a unha lectura pausada, seria e reflexiva. Por esta razón imos centrar as nosas reflexións apenas no eido educativo, cultural, de igualdade de xénero que hoxe tanto botamos de menos, porque a 2ª República, en palabras do historiador Angel Viñas, foi o resultado dunha longa agonía do sistema político da Restauración. Tratábase de homologar as políticas españolas ás dos países do entorno cos que España se tiña comparado dende principios dos século XIX: Francia, Alemania e Inglaterra, principalmente.
“Por esta razón imos centrar as nosas reflexións apenas no eido educativo, cultural, de igualdade de xénero que hoxe tanto botamos de menos, porque a 2ª República, en palabras do historiador Angel Viñas, foi o resultado dunha longa agonía do sistema político da Restauración”
Polas esixencias do guión, que diría un novelista, imos centrarnos primeiro na educación, na Misións Pedagóxicas; proxecto xa demandado con anterioridade por Francisco Giner en 1881 fundador da “Institución Libre de Enseñanza”, que consistía en levar aos mellores Mestres as aldeas máis apartadas e perdidas do Estado para que as súas xentes foran partícipes dos avances que xa se disfrutaban nas cidades.
As Misións Pedagóxicas apenas contaban con antecedentes en España. Consistía en mandar un grupo de persoas para apoiar o labor que os Mestres estaban a desenvolver nas aldeas. Non se trataba de sustituílos senón de completar o seu traballo. Tratábase de facer conscientes aos campesiños que o lecer ten un valor en sí mesmo e que todas as persoas teñen o dereito do disfrute que proporciona a cultura: libros, teatro, pintura, música, romances, etc.
Como o teatro non podía chegar as aldeas máis remotas pensouse no teatro de guiñol representando farsas e romances. A ocasión presentouse cando o escritor Rafael Dieste (1899-1981) solicitou ser pensionado para estudiar os modos e modismo do idioma popular. A resposta foi que só se concedían becas para o estranxeiro pero que podía facer ese estudio nas Misións Pedagóxicas, ofrecéndolle a dirección do teatro de guiñol, chamado “Retablo de Fantoches”, iniciando o seu labor en Malpica, na Costa da Morte, en outubro de 1933. Serían as sesión de cine as que máis entusiasmaban aos campesiños e xente do rural.
Era tal a fascinación que moitos atrevíanse a axexar por detrás da pantalla porque querían ver a persoas que aparecían nela. O Museo do Pobo era un conxunto circulante de copias de cadros, case que todas do Museo do Prado, feitas por pintores, daquela aínda novos, como Ramón Gaya, Juan Bonafé e Eduardo de Vicente. En xeral as exposicións duraban unha semana en cada pobo deixando, logo, copias que se expoñían nas paredes das escolas.
O Padroado das Misións Pedagóxicas tamén organizaba cursos para os Mestres que pola mañá asistían as súas escolas e pola tarde recibían estes cursos, durante unha semana. O máis importante das Misións Pedagóxicas foron as equipas de persoas novas na súa maioría que ían polos pobos realizando unha extraordinaria labor pedagóxica, descubrindo unha España inédita, descoñecida nas grandes cidades que tiñan uns enormes valores que debían ser coñecidos polos cidadáns das grandes urbes. Durante a República nas escolas produciuse unha verdadeira revolución. Tema no que nos estenderemos noutra ocasión.
Agora só deixar dito que se os fundamentos da República se consolidaran hoxe non estaríamos a falar do serio problema educativo que temos, nin do atraso do campo, nin da miseria cada vez máis agoniante que xa padecen centos de miles de españois. Se a República trunfara como di o refrán “outro galo cantaría”.
Agora só nos resta ir sementando neste campo de croios mentais aquelas ideas que pretendían facer do Estado Español un estado moderno, avanzado no social e no cultural, que puidera estar á altura dos países do entorno. Non foi así e así nos loce o pelo. O máis preocupante é que os forzas políticas que daquela se puxeran á fronte do movemento republicano hoxe, podendo facelo, póñense de medio lado; nin si nin non. Esa postura ambigua que tanto nos irrita a moitos españois. Como podemos ler na Biblia “Deus vomita aos mornos”. Podería ser de aplicación neste caso.
“O máis preocupante é que os forzas políticas que daquela se puxeran á fronte do movemento republicano hoxe, podendo facelo, póñense de medio lado; nin si nin non. Esa postura ambigua que tanto nos irrita a moitos españois”
Aos republicanos de verdade saúde e perseveranza na loita; aos herdeiros e defensores da monarquía, tranquilidade porque están en boas mans. O Goberno actual non lles vai sacudir a árbore; recollerán os froitos que boamente lles queira deixar caer. Como dicían Tip e Coll, “a próxima semana falaremos do Goberno”.