Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López destacou a mobilización de máis de 18,5 millóns de euros por parte do goberno provincial ao longo dos seus cen primeiros días de mandato. Nun balance sobre o comezo do súa etapa á fronte da Deputación, o dirixente subliñou que “foron cen días de estar pegados á rúa, cen días dun goberno que demostra cada día ser o de todos, lonxe do sectarismo; e cen días de municipalismo”.
Despois de poñer en valor os máis de 270 actos nos que participaron os integrantes do goberno provincial, que dá unha media de tres e ata catro actos ao día; Luis López quixo contrarrestar “as opinións ou mesmo os insultos que levamos recibindo neste tempo con cifras e datos reais”. Subliña o mandatario provincial que dirixe unha “Deputación de todos” porque nos últimos meses “o contacto en público e en privado cos alcaldes, con outras administracións, cos cidadáns na rúa e co tecido asociativo foi unha constante”.
No eido económico, estes primeiros meses de mandato serviron para mobilizar soamente a través da Xunta de Goberno 18,5 millóns de euros. Unha cantidade da que o 70 % (12,6 millóns) recaeu directamente nos concellos. Por áreas, o goberno de Luis López dedicou 1,8 millóns á programas para a mocidade, 1,8 millóns, ao deporte; 1 millón, ao medio ambiente; 410.000 euros, a programas de igualdade; 300.000 euros, a cultura; e máis de 250.000 euros, para o reto demográfico.
Ademais da xestión de fondos, a Deputación, con Luis López á cabeza, protagonizou numerosos fitos significativos que dan boa conta do novo talante deste goberno e dunha forma de actuar marcada pola comunicación, colaboración e lealdade institucional con todas as administracións. Deste xeito, o presidente mantivo entrevistas persoais cos alcaldes de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, “ningún, por certo, do noso partido”, matizou; deuse un novo rumbo ao Museo de Pontevedra e ao convento de Santa Clara, o compromiso co proxecto da nova grada de Gol do estadio de Balaídos, a concreción das transferencias do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería, os investimentos en Príncipe Felipe, as melloras na Estación Fitopatolóxica do Areeiro ou o novo Observatorio Turístico.
“Na miña toma de posesión comprometinme a converter aos concellos nos grandes protagonistas deste mandato. Dirixímonos aos 61 para poñernos a súa disposición, investimos neles e traballamos en plans de futuro para situalos no centro. É dicir: cumprimos e seguiremos cumprindo”, insistiu Luis López.
Para afianzar aínda máis este compromiso, recordou o presidente da Deputación que “o vindeiro luns recibiremos aquí ás alcaldesas e os alcaldes da provincia para trasladarlles que outros dos compromisos que adquirín, o de potenciar os investimentos municipais, tamén o imos cumprir”.
“Foron cen días que deron resultados, que abriron a Deputación a toda a veciñanza, concellos e colectivos sen excepcións, e que darán froitos relevantes para a provincia nas vindeiras semanas”, concluíu Luis López.
Workshops turísticos con Barcelona e Alacante
A promoción da provincia como destino turístico está a ser un dos principais obxectivos do goberno da Deputación. Con esta intención, representantes do ente provincial e dunha vintena de empresas do sector turístico viaxan os próximos días 18 e 19 de outubro a Barcelona e Alacante para reunirse con axentes de ambas as cidades e trazar estratexias e accións conxuntas que traian novos visitantes ás Rías Baixas. “Seguimos traballando no noso obxectivo de compartir con todo o mundo que Pontevedra é desfrutar”, afirmou o presidente da Deputación, Luis López, para explicar o motivo desta actividade.
Trátanse de encontros en colaboración co sector turístico privado nos que vinte empresas da provincia manterán reunións profesionais cun cento de empresas de ambas as cidades para compartir experiencias. Estas reunións consistirán na presentación do destino e unha degustación de produtos gastronómicos. “Seleccionamos Barcelona e Alacante porque son importantes mercados emisores para o destino Rías Baixas”, argumentou Luis López.
No caso da cidade condal, é a segunda urbe máis poboada de España e resulta moi interesante pola renda per cápita, o volume de visitantes e a conexión aérea directa. Mentres que no caso de Alacante, destaca o peso poboacional da súa área metropolitana e as melloras da conexión coa provincia.
Formación en Smartpeme
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta catro novas accións formativas para esta próxima semana no marco da súa carteira de obradoiros.
Os cursos tratarán temas como a ciberseguridade e o uso da VPN, análise de datos para o desenvolvemento dun negocio ou sobre o emprego da intelixencia artificial para a mellora e creación de imaxes.
Este luns 16 de outubro, as 10:30, terá lugar “Ciberseguridade, uso da VPN”. O curso, impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire, ten como obxectivo fomentar a utilización da VPN dando a coñecer os seus beneficios e o seu funcionamento. No taller telemático abordarase o seu uso, cales son as opcións gratuítas e como se configura.
O martes 17, de 12:00 a 13:00 horas, con “Data Driven Marketing, mellora o teu negocio en base aos datos” as persoas que participen aprenderán sobre a importancia da análise dixital e de como mellorar o SEO, SEM, redes sociais, deseño e copywriting a través dos datos para desenvolver o negocio. O taller será dirixido por Esther Garcinuño, docente con experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.
Para o mércores 18, de 12:00 a 13:00, está previsto o taller sobre intelixencia artificial: “IA de imaxes, sácalles o potencial”. Lara Taboada, titulada superior en Ensinanzas Artísticas de Deseño Gráfico, con experiencia na fotografía de produto e composición fotográfica creativa, será a encargada de impartilo.
As accións formativas desta semana rematan o xoves 19 coa cuarta sesión formativa online sobre intelixencia artificial “ChatGPT e Stable Diffusion, aprende o seu funcionamento -IV” de 12:00 a 13:00 horas. Esta sesión inaugura o bloque de contidos sobre Stable Diffusion.
Transformación do municipalismo
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentará este 16 de outubro no salón de plenos do Pazo Provincial aos 61 alcaldes e alcaldesas da provincia as liñas políticas que centrarán o seu mandato e que estarán baseadas na colaboración, a transformación e o municipalismo.
O mandatario provincial dá cumprimento ao seu compromiso de dar a coñecer en primeiro lugar aos dirixentes municipais os criterios que rexerán a acción de goberno da Deputación durante o próximo ano.
Ao encontro, que comezará ás 11 horas deste luns, están invitados os alcaldes e alcaldesas dos 61 concellos da provincia de Pontevedra.
Un acto no que Luis López lles presentará o seu plan de goberno que, como leva dicindo desde o comezo do seu mandato, terá aos concellos como os grandes protagonistas.