Novo libro de Miguel Villa sobre a sociedade Pro-monte

A Guarda | Este ano 2017 conmemorase unha data moi sinalada para a vila da Guarda e a súa historia: o centenario do Museo Arqueolóxico Monte Santa Trega (MASAT), e o sábado 28 de xaneiro tivo lugar a primeira das actividades programadas para celebralo.

 

Nun Centro Cultural completamente cheo, o historiador guardés Joaquín Miguel Villa Álvarez presentou o seu libro “La Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, 3ª parte”. Trátase da terceira e última parte da súa triloxía sobre a Sociedade Pro-Monte, creadora do propio MASAT, e que completa os dous anteriores volumes publicados en 2004 e 2014.

Ao acto acudiron numerosas autoridades locais e provinciais, así como veciños da Guarda e doutras vilas da contorna. Os encargados de inaugurar o evento foron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz, e o concelleiro de Patrimonio, Javier Crespo.

Para o autor a importancia desta sociedade radica en que conseguiron que o Trega sexa a día de hoxe o segundo lugar máis visitado de toda Galicia, tras a Catedral de Santiago.

O alcalde deu comezo á presentación agradecendo a tódolos asistentes por encher o Salón de Actos, demostrando así a gran importancia que esta data tiña para toda a Comarca do Baixo Miño. Ademais, puxo en valor o traballo de Villa e da propia Sociedade Pro-Monte, á que asegurou os guardeses e guardesas lle deben o traballo de dar a coñecer a riqueza da xoia que é o Monte Santa Trega e aos que se pode considerar como os fundadores do turismo da Guarda.

Pola súa banda o concelleiro de Patrimonio tamén destacou e agradeceu a asistencia dos presentes a unha presentación que se ofrece tras varios anos de traballo de investigación e documentación do historiador acerca da Sociedade Pro-Monte e do propio Monte Santa Trega. Ademais mostrou o seu agradecemento persoal a Villa por invitalo a presentar este libro, para o cal falou de xeito detallado do autor, do contexto histórico que abarca a obra (1939-1979) e do propio libro.

 

Tras a introdución do alcalde e do concelleiro, o autor realizou a presentación dunha obra coa que, afirmou, pecha unha triloxía que lle permitiu ter o pracer de estudar a Sociedade Pro-Monte. Para o autor a importancia desta sociedade, que considera unha das sociedades culturais máis importantes da Guarda e de Galicia, radica en que conseguiron que o Trega sexa a día de hoxe o segundo lugar máis visitado de toda Galicia, tras a Catedral de Santiago.

Esta terceira parte é a máis ampla e complexa das tres, xa que abarca un período de tempo máis amplo e recente. Isto supuxo para o autor vantaxes e inconvenientes. Por un lado, existen máis fontes documentais (unha das grandes fortalezas da súa obra) e testemuñas que podan aportar datos o acaecido durante o período. Pero por outro tamén hai máis versións contraditorias entre os que viviron eses anos, polo que é máis importante acudir a fontes documentais.

As palabras do autor, do concelleiro e do alcalde durante a presentación estiveron acompañados de documentos gráficos de gran valor que se podían ver na pantalla do escenario como vídeos de acontecementos históricos da época, fotografías dos seis presidentes que tivo a Sociedade Pro-Monte durante eses 40 anos, ou imaxes das diversas fontes e materiais documentais ás que tivo acceso o autor para realizar a obra.

Despois da presentación o autor asinou os libros que os asistentes adquiriran antes do evento, pois tanto antes como despois xa se puxeron á venta, dando por rematada así a que foi para todos unha velada histórica para a vila da Guarda e para os guardeses e guardesas.