Novo mapa cartográfico da provincia de Ourense

Foi realizado polo Instituto Xeográfico Nacional

Ourense | A Subdelegación do Goberno acolleu a presentación dos novos mapas cartográficos oficiais da provincia de Ourense e da Comunidade Autónoma de Galicia, editados polo Instituto Xeográfico Nacional.

A esta presentación asistiron o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; a xefa da área funcional de Fomento da Delegación do Goberno, Ana Quintairos; o responsable do Instituto Xeográfico Nacional en Galicia, Pablo Carballo; e a xefa da Oficina de Información e Rexistro da Subdelegación do Goberno en Ourense, Patricia Ribo.

Estas novas versións dos mapas, que foron editados en papel por última vez fai 10 anos, recollen as últimas novidades, principalmente en materia de infraestruturas, núcleos de poboación e toponimia, axustándose así aos cambios no territorio. Actualizacións que responden a un cambio na súa metodoloxía de traballo.

“Antes traballabamos con vías de produción individualizadas para cada provincia, maquetando os mapas de xeito individual, e nos últimos anos fixemos unha xeración de bases de datos. Tardamos un pouco máis polo cambio de proceso, pero pretendemos sacar novas edicións en papel dunha forma máis rápida, agardamos que nuns catro anos”, puntualizou Carballo.

Estas actualizacións están dispoñibles en papel e en dixital, para descargar en formato PDF, imaxe e vectorial de bases de datos, na web www.ign.es. “As series cartográficas en formato dixital son as que permiten que poidamos consultar os mapas canto entramos no noso navegador e achegamos ou afastamos a imaxe”, explicou Pablo Carballo. As versións na rede contan con cambios constantes, “empregamos ata intelixencia artificial para actualizar o máis rápido posible a información”.

O Instituto Xeográfico Nacional proporciona información a outras administración públicas, co obxectivo de prestar o seu servizo da forma máis eficiente aos cidadáns e abaratar os custos para os mesmos. “A nosa vocación é difundir todo o traballo que facemos para chegar á maior cantidade de colectivos posibles, non só a empresas de enxeñaría ou persoas que se dedican a estudos ambientais, tamén a outras administracións. Somos pioneiros xa que permitimos que os cidadáns teñan acceso á información xeográfica de forma gratuíta”, destacou Carballo.

Eladio Santos fixo fincapé en que este Instituto “é un referente para outras administracións, que buscan a vosa información e a empregan”.

Recursos para diversos colectivos
O traballo conta cun apartado de recursos educativos no que ademais de mapas físicos e políticos descargables, ofrecen aplicativos que son utilizados en docencia, nas distintas etapas, cos que os alumnos poden facer exercicios para coñecer xeografía, crear as súas propias composicións, etc. Así mesmo, encárgase da rede sísmica nacional, “dispomos dos nosos propios visores. En tempo real publicamos toda a actividade sísmica que se produce en España e o cidadán pode entrar e informar de como percibiu un tremor. Temos estacións permanente en todo o territorio”, explicou Pablo Carballo.