O Covelo | “Traballamos para mellorar o día a día das persoas a través de servizos públicos municipais adaptados as súas necesidades”, así o manifestaba Pablo Castillo, alcalde de Covelo, na súa visita á biblioteca pública municipal para supervisar a recepción do novo mobiliario mercado co apoio da Xunta de Galicia e con fondos propios.
O Concello de Covelo investíu un total de 6.896€ na compra de estanterías, armarios, suxeita libros, módulos de organización, mesas e cadeiras, entre outros obxectos necesarios para dar cabida aos novos títulos que ten incorporado a biblioteca nos últimos tempos.
“Co incremento do fondo bibliográfico tivemos que adaptar a sala de actividades da biblioteca municipal para que acolla parte do fondo de libros e ademais renovar parte do mobiliario que, polo uso, xa estaban danados”, engade o alcalde.
Ademais, o Concello adquiríu un buzón para facilitar a devolución de libros sobre todo, ás persoas que se trasladan a Covelo a pasar a fin de semana. Pablo Castillo explica que son moitas as familias que pasan a fin de semana na localidade e para facilitar que poidan facer un uso axeitado dos fondos da biblioteca pública municipal colocouse un buzón exterior. A biblioteca municipal é un servizo moi utilizado de luns a venres xa que, ademais de contar cun amplo fondo bibliográfico, dispón de acceso gratuíto a internet.