Novo obradoiro de emprego Búbal IV en Monterrei

Ourense é a provincia máis favorecida da concesión dos novos obradoiros duais con 27 axudas

Ourense | O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Monterrei para, acompañado do seu alcalde, José Luís Suárez, o alcalde de Cualedro, Luciano Cuquejo, e Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra, inaugurar o obradoiro de emprego Búbal IV, no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inviste 420.928 euros na formación de 20 alumnos – traballadores no módulo de actividades auxiliares de acabados ríxidos e urbanización (7), actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería (7) e atención sociosanitaria a domicilio (6).

Manuel Pardo lembrou que Ourense é a provincia máis favorecida da concesión dos novos obradoiros duais de emprego polo Goberno galego. Deste xeito, a Xunta concedeu axudas a 27 obradoiros a Ourense, 22 á Coruña, 20 a Pontevedra e 17 a Lugo. Máis de 36 millóns de euros que beneficiarán máis de 1.700 persoas a través da realización de arredor de 90 obradoiros duais en toda Galicia.

O representante do Goberno galego salientou a importancia destas medidas, que a maiores de formar a persoas con especiais dificultades de inserción laboral que desenvolven un traballo de interese público remunerado, estes homes e mulleres poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación -resaltou o representante do Goberno galego- adquiren ferramentas para reforzar habilidades e competencias que respondan ás demandas do mercado laboral e permitan obter un emprego de calidade.

Actuacións
No concello de Cualedro realizaranse actuacións de mantemento da contorna da Igrexa Antiga, da fonte de Rebordondo, dos parques infantís de San Martiño, Carzoá e Vilela; das áreas recreativas da Pedrosa, Vilela, e no lavadoiro e fonte do Longo dos Montes; da ruta dos Muíños nas Mercedes; da piscina municipal; dos xardíns do Toural e do municipio; da área de descanso do peregrino de Penaverde; así como a humanización do entorno da fonte de Lamas e a consolidación de estruturas arqueolóxicas do Castro de San Millao.

No concello de Oímbra levaranse a cabo operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización como a formación dunha pérgola en Espiño, dunha barbacoa cuberta en Casas dos Montes e a construción de beirarrúa no Terrón; así como actuacións de mantemento nas áreas recreativas do Rabal, do Rosal e do Río Támega; e dos entornos da Casa do Concello, a piscina municipal e do patio interior do colexio-gardería.

No concello de Monterrei os participantes desenvolverán tarefas de mantemento nas áreas recreativas de Vences, da Pousa, de Flariz, de Infesta, e do Carregal; nos parques infantís de Esteviños, Mixós, e de Medeiros; na piscina municipal de Albarellos, no Castelo de Lobarzán e no Castro da Ceada das Chas; así como operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización como a pavimentación da rúa do Campo en Vilaza, a instalación dunha barbacoa no teleclube de Esteviños e no Centro Sociocultural Guimarei, a cubrición grellada en Flariz, a ampliación posterior do centro de interpretación do viño de Vilaza e o peche perimetral da zona cuberta na área recreativa de Vences.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.