Salvaterra de Miño | A Xunta de Galicia ven de comunicar a concesión dun novo Obradoiro dual de Emprego por un importe de 411.928,00€ cunha duración de 9 meses e que dará comezo a principios do mes de decembro.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ven de comunicar a concesión de máis de 400.000,00€ para financiar os custos de formación profesional para o emprego do proxecto do Obradoiro dúal denominado “Salvaterra Emprega IV”.
Esta acción enmárcase dentro das políticas activas de emprego que está realizando o Concello, e que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización dun traballo efectivo, que xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente con dito traballo, procura a súa cualificación profesional e favorece a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.
Salvaterra Emprega IV terá unha duración prevista de 9 meses, onde se pretende formar a 20 persoas desempregadas nas especialidades formativas no ámbito Forestal e de Xardinería. Con este obradoiro o alumnado traballador adquirirá os coñecementos necesarios mediante a realización de tarefas que responderán á prestación do servizo en si.
As obras a realizar a través deste obradoiro están destinadas a darlle continuidade a posta en valor do parque forestal Monte Castelo, ubicado na parroquia de Pesqueiras, e no cal se está traballando a través dun convenio coa CCMM co fin de seguir mellorando o noso patrimonio e reforzar un recurso turístico moi importante para o noso municipio.
E por outro lado a través das actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería farase un traballo de mellora nas zonas verdes, parques así como nas sendas municipais.