Val Miñor | Dakidarría sorprende cun novo single a tan só unha semana da publicación do seu novo disco, ‘Colaxe’. Baixo o título “Somos nós”, a banda do Val Miñor pretende crear un auténtito himno cun tinte épico que sexa coreado en cada concerto, poñendo en valor a nosa identidade, a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa forma de vivir.
“Somos nós” é unha adaptación dos poemas “Galicia” e “A fala” de Manuel María. Unha canción na que Gabri (letrista e cantante da banda) quixo homenaxear ó “Poeta da Terra Cha” a quen admira dende a infancia. Baixo unha característica sonoridade punk-rock -que lembra ós seus primeiros discos- Dakidarría percorre as verbas do poeta e engade outras consignas que vencellan a mensaxe de amor pola terra e a cultura ca loita e o ánimo de defendelas.
Trátase do terceiro avance do novo disco “Colaxe” que verá a luz o 25 de Febreiro. Neste último traballo Dakidarría fai unha homenaxe á súa carreira, así como a todas aquelas diferentes subculturas e estilos musicais dos que foron bebendo durante os seus 18 anos de historia.
Con ampliación da súa formación, a agrupación musical retoma a carretera neste 2022 para descargar a emoción, a enerxía e a adrenalina dos seus concertos en todos os lugares que sexa posible. Novas caras que darán máis fluidez e dinamismo a un show que, se antes era incendiario, agora pasa a ser explosivo.
Un combo que pretende arrasar os palcos e que vai deixar pegada na escena musical galega. Ximo Tomàs “Maki” – Batería Antón “Torroncho” – Baixo Gabri Reigosa – Guitarra e voz Iñaki – Guitarra Paula – Trombón Juaki – Trompeta Anxo – Saxo e voz Pol – Voz e programacións Ruan – Teclados Sobre a banda Logo de 18 anos dende a su formación e unha bagaxe máis que interesante de discos e concertos, podemos etiquetar a Dakidarría como unha banda histórica no panorama galego e estatal.
Acadan a maioría de idade mentres ultiman o lanzamento do seu sexto disco de estudo “Colaxe” posicionándose como a banda de referencia no eido da música contestaria galega.
Dakidarría fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a través da complicidade, forza e sinceridade das súas revolucionarias letras, nas que se chegan a incluir ata doce linguas diferentes.
O seu prato forte son os directos, atrevéndose tanto con pequenas salas como con grandes festivais. Demostraron en cada xira que o seu é a festa encima e debaixo do escenario.