Ponteareas | Ponteareas suma un novo vehículo ao parque móbil da súa Policía Local. O Concello acaba de incorporar á frota deste corpo policial un coche eléctrico híbrido de tipo todoterreo para realizar labores de patrulla no municipio.
“Este é un paso máis na aposta do Goberno municipal por continuar dotando á nosa Policía Local dos medios materiais, técnicos e humanos necesarios para ofrecer o mellor servizo á veciñanza”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández.
Trátase dun novo vehículo da marca Hyundai, modelo Tucson, contratado en modalidade de ‘renting’ durante os vindeiros catro anos e que recolle todas as características necesarias para o correcto desenvolvemento do traballo da Policía Local. Suporá un investimento de 52.213 euros e, ademais da adaptación e o equipamento propio dos vehículos policiais tipo ‘Patrulleiro P-1’, inclúe todos os gastos derivados do seu uso, como mantemento, reparación e substitución de pezas, seguro, asistencia ou incluso vehículo de substitución.
Para esta nova mellora, o Concello contou cunha subvención de 33.600 euros para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, aos corpos de policía local financiados polo Fondo de Compensación Ambiental.
A mellora de medios materiais para a Policía Local coa incorporación deste novo vehículo únese ao reforzo do cadro de persoal, que se triplicou nos últimos catro anos. Ao inicio do actual mandato, en xuño de 2019, a Policía contaba unicamente cun oficial en prácticas e sete axentes dos que tres se atopaban de baixa laboral. Deste xeito o Concello só contaba con cinco efectivos dispoñíbeis.
A día de hoxe Ponteareas conta con 17 policías, dos que unha é oficial e 16 son axentes, estando unicamente un de baixa. Ademais neste ano estase tramitando a contratación de dous axentes máis e outro oficial.