Ourense | Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense, recibiu no Pazo Provincial a Rogelio Martínez, director-xerente de Expourense, ao que trasladou o máximo compromiso da institución provincial ao labor que desenvolve o recinto feiral ourensán, que cualificou como “un dos principais promotores da provincia”.
Neste primeiro encontro institucional co presidente da Deputación, Rogelio Martínez valorou positivamente a designación dos representantes provinciais no Padroado e no Comité Executivo de Expourense, onde ademais de Luís Menor tamén seguirá Rosendo Fernández, dado o seu coñecemento e traxectoria na Fundación de Feiras e Exposicións.
Tamén destacouse a presenza nos órganos de goberno da Fundación da vicepresidenta da Deputación, Marta Nóvoa, en calidade de alcaldesa de San Cibrao das Viñas. Na reunión, Menor e Martínez tamén repasaron as liñas de colaboración actuais e futuras entre a Deputación e Expourense, con especial atención á intensa axenda de actividades que inicia o recinto feiral nesta segunda parte do ano, coa celebración de Termatalia Uruguai do 4 ao 6 de outubro nas termas de Salto-Paysandú.
Un salón que dará paso, entre outras actividades, a unhas das citas máis importantes no calendario gastronómico ourensán e galego como é Xantar, cuxa celebración está prevista do 2 ao 5 de novembro. Foto Rogelio Martínez, á esquerda, con Luís Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense.