Santiago de Compostela | Continúa aberta a admisión no rexistro NRede, posto en marcha polo Colexio de Xornalistas para garantir o traballo xornalístico das cabeceiras dixitais e facilitar a súa identificación, recoñecemento e acceso a acreditacións e axudas públicas. A inscrición, á que xa se sumaron quince medios dixitais galegos, é gratuíta para colexiados e colexiadas.
NRede, o Rexistro de Medios Dixitais Galegos, foi posto en marcha en febreiro deste ano polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para pór en valor os medios dixitais galegos fronte á aparición de espazos na rede que tentan facerse pasar por xornalísticos sen selo.
NRede ofrece á cidadanía a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais. Igualmente, pretende servir de axuda para que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a subvencións públicas ou para acreditarse en determinados eventos.
Coa última inclusión do dixital local Xornal da Coruña, que se suma así a La Alacena Roja, Galicia Confidencial, Galiciapress, GCDiario, GCiencia, Lugo Xornal, Mundiario, Pontevedra Viva, Praza Pública, Tempos Dixital, Xornal da Mariña, Xornal de Bueu, Xornal de Lemos e Xornal de Vigo, xa son quince as cabeceiras que contan co selo que as acredita como inscritas en NRede.
Entre todas elas debuxan un variado panorama do ecosistema mediático galego, tanto a nivel temático como xeográfico, máis aínda existen outros espazos con criterios xornalísticos no eido dixital que poden sumarse a esta iniciativa en favor do xornalismo dixital da nosa comunidade.
Como inscribirse en NRede
Os medios que soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos serán recoñecidos co selo de Medio Dixital Galego, que poderán visibilizar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de comunicación con contidos xornalísticos, así como para facilitar a súa acreditación ou acceso a axudas públicas.
O Colexio rexistraraos nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía e solicitará á Xunta de Galicia a súa inclusión na Guía da Comunicación editada pola administración autonómica.
Os medios interesados poden solicitar a inscrición en NRede a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida sobre a solicitude de inscrición en NRede, pódese contactar co Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.