Ourense | Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, pechou esta mañá as portas da súa 15ª edición consolidado como a única feira especializade en Prevención de Galicia e conseguindo o obxectivo de fomentar a cultura preventiva entre toda a sociedade a través dun completo programa de actividades formativas que conseguiu atraer ata o recinto de Expourense a 2.500 visitas.
O acto de clausura de Previsel serviu un ano máis para recoñecer o traballo e a colaboración das distintas entidades que integran o comité asesor do salón e que organizan o programa de actividades e entre os que se atopan representantes da administración, asociacións empresariais, sindicatos, colexios profesionais, mutuas e servizos de intervención e emerxencias.
Este acto de clausura conducido polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, contou coa presenza do director xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, que puxo en valor os esforzos que dende os distintos ámbitos da sociedade se realizan en prol da prevención e seguridade laboral, así como insistiu en que a previsión é o mellor medio para garantir a seguridade dos cidadáns e responder de modo adecuado en caso de riscos colectivos.
O director xeral estivo acompañado neste acto polo delegado territorial e presidente do Comité Executivo de Expourense, Gabriel Alén Castro; polo vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández Gil e pola presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa Rodríguez. Nesta segunda e última xornada de Previsel tiveron lugar actividades que contaron cun gran seguemento de asistentes como foi o caso da xornada sobre saúde laboral dirixida os delegados de prevención organizada polo sindicato CC.OO de Galicia.