Sober | O 17° Ribeira Sacra ofrecerá do 28 ao 30 de xullo as actuacións de 15 artistas dentro do cartel da sétima edición que se distribuirá, co apoio da Xunta de Galicia, entre os concellos de Sober, Chantada e A Pobra do Brollón.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe coa organización deste encontro a través das subvencións a festivais musicais e de artes escénicas, liña de axudas que distribúe 575.000 euros entre 26 encontros de valor estratéxico nos seus respectivos ámbitos.
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, e Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, asistiron á presentación desta sétima edición xunto ao director do encontro, Carlos Montilla, e representantes de diferentes empresas patrocinadoras. Durante o acto, que estivo amenizado por Monchiño DJ, o representante da Consellería de Cultura destacou a vontade desta cita de brindarlle ao público un “festival de experiencias” ao fusionar música e gastronomía cos valores e as potencialidades dunha contorna natural única.
Jacobo Sutil tamén salientou a calidade do programa musical —avalado polo público cuxa resposta xa esgotou os abonos deste ano— e a naturalidade coa que se integra nos espazos da Ribeira Sacra, motivos polo que este evento volve formar parte de FEST Galicia, marca creada polo Executivo galego para promover o noso territorio como destino musical de calidade non só baixo criterios artísticos, senón tamén de sustentabilidade e de profesionalidade.
“O turismo de festivais está gañando cada vez máis adeptos en Galicia. Comezamos o ano pasado cos concertos do Xacobeo aos que asistiron máis de 1,1 millón de persoas con máis de 500 artistas chegados desde todos os lugares do mundo por máis de 70 concellos da nosa comunidade”, destacou, pola súa banda o director de Turismo de Galicia.
Xosé Merelles salientou que Galicia vai polo bo camiño e estase situando no mapa dos festivais e dos concertos. “Desde o Goberno galego estamos moi satisfeitos de ter o privilexio de seguir vendo como, tras o éxito da programación cultural iniciada no Xacobeo, segue este ano con concertos de tan alto nivel e tan ben organizados e en contornas tan orixinais”, finalizou Merelles.
Concertos, rutas e degustacións
Esta sétima edición do 17° Ribeira Sacra programa unha coidada selección de 15 bandas e voces procedentes tanto do panorama galego como do estatal e mais do internacional. O cartel do festival súmase este ano á oferta global que a Xunta está a impulsar con máis de 2500 actos, actuacións e eventos culturais de todas as disciplinas e por toda Galicia no marco da axenda conxunta CulturOn.
Os diferentes escenarios do 17° Ribeira Sacra recibirán na última fin de semana de xullo, entre outros, o grupo madrileño Morgan, as bandas belgas dEUS e Oracle Sister, a británica Jane Weaver ou a peruana Pamela Rodríguez. A música galega estará representada polos composteláns de Pastor Eléctrico, a luguesa Catuxa Salom ou os arousáns de Lontreira.
Á oferta musical cómprelle sumar as actividades paralelas que se impulsan para brindarlle ao público experiencias gastronómicas, culturais, paisaxísticas e etnográficas íntimamente vencelladas á idiosincrasia da Ribeira Sacra. Citas acústicas, concertos en catamarán e rutas para coñecer o patrimonio son algunhas das propostas deste festival que, un ano máis, ten na gastronomía un dos seus grandes piares.
Para esta vindeira edición, a selección de pratos para degustación estará elaborada por chefs de renome da zona e repartirase entre o restaurante Vértigo das Bodegas Regina Viarum, que disporá de varios postos de comida durante os concertos que se celebren nesa adega situada en Sober, e A Faragulla, de Chantada, que habilitará unha zona gastro nos recitais de Jimena Amarillo e Catuxa Salom durante a xornada de clausura.