A actividade “Da inspiración ao Libro: xornadas de creación literaria”, levada a cabo pola Biblioteca Municipal do Porriño foi seleccionada para a sección de Boas Prácticas de cara ao XI Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas que terá lugar en Pamplona do 18 ao 20 de outubro. Falamos co alcalde porriñés Alejandro Lorenzo, co concelleiro Bienvenido Estévez e co director da Biblioteca Municipal, Albino Alonso, sobre este logro educativo e cultural e as perspectivas que adianta o Concello neste sector para o vindeiro ano.
A iniciativa das xornadas de creación literaria foi seleccionada para o Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas. Que supón este recoñecemento para O Porriño?
(Alejandro Lorenzo, AL) Un recoñecemento moi importante pola labor que fai a Biblioteca Municipal e os seus bibliotecarios que ano tras ano sempre está conseguindo premios. A participación neste Congreso permitirá que a nosa Biblioteca sexa aínda máis coñecida a nivel nacional.
(Bienvenido Estévez, BE) Este ano as xornadas literarias eran algo que non estaba en auxe aquí no Concello pero que permitiu darlle valor a todos aqueles escritores e escritoras porriñenses.
(Albino Alonso, AA) Obviamente estamos agradecidos ao Comité Científico do Congreso por seleccionarnos para a sección de Boas Prácticas. Aproveito igualmente para destacar o traballo realizado polo meu compañeiro David Pérez ao fronte da Biblioteca Municipal
A Biblioteca participará na temática “Democracia, lectura e dereito á información”. Como pode o sector bibliotecario incentivar os valores democráticos e a transparencia informativa nun mundo ‘contaminado’ polos fake news e ante a preponderancia das redes sociais?
(AL) Os programas máis importantes son os que temos que delegar nos técnicos municipais, que son os máis competentes para levar a cabo as mellores iniciativas, como é tamén o traballo de Albino Alonso para que todos e todas estean integrados.
“O noso concepto de Biblioteca é innovador”
(Albino Alonso, AA) O noso concepto de Biblioteca cremos é un concepto innovador nestes momentos. Unha iniciativa é a nova Sala de Estudos separándoa das actividades propias dunha Biblioteca. Os estudantes buscan espazos nos que a luz, o silencio, a temperatura e os horarios sexan os mais adecuados.
(AL) O Concello habilitará proximamente un local específico para esa Sala de Estudos.
Que outras iniciativas e actividades pretenden impulsar a Biblioteca Municipal?
(AA) Todo isto é tamén unha parte do noso deseño de programación que vai dende a etapa de nacemento no que calquer neno nado en Porriño entra no programa de “Ler ao teu bebé” que dalle a oportunidade de ser socio da Biblioteca unha vez o neno estea censado, levando un agasallo de libros por parte do Concello para a súa formación e para ter a súa primeira biblioteca. Xa nesas idades comezamos a traballar co programa “Acompañando na aventura de crecer” que son unha xornadas para familias e profesionais que levamos este ano a súa segunda edición e xa estamos traballando na terceira edición para 2024.
E tamén temos o programa “Da Inspiración ao Libro”, xornadas de creación literaria e autoedición que contempla todo o proceso creativo dunha idea ata que se completa nun libro. Tamén estamos traballando cun Clube de Lectura que son 20 persoas totalmente consolidadas.
Este 2024 poderíamos adiantar que daremos unha volta a esta iniciativa a través do Clube de Lectura “Escapa da Biblioteca” como lugar de encontro baseado na participación, na lectura pública e na creatividade. E tamén levamos iniciativas de fomento da alfabetización, da aprendizaxe e do acceso á información.
Que proxectos culturais ten en mente o Concello?
(AL) A nosa liña a seguir é levar a cabo máis iniciativas para impulsar a cultura en xeral. O 2024 é moi importante para O Porriño porque será o centenario do noso Concello, deste edificio que é a Casa do Concello, como sabemos obra do arquitecto Antonio Palacios. Por tanto, se levarán a cabo numerosas iniciativas como a Sala de Exposicións de Antonio Palacios, xa que o 2024 tamén coincide co 150 aniversario do seu nacemento.
“En 2024 celebraremos o centenario do noso Concello e o 150 aniversario do nacemento de Antonio Palacios”
Así como a lectura levaranse a cabo actividades culturais nas que está traballando a nosa Biblioteca. Estamos traballando para que o 2024 sexa un ano moi importante para o noso Concello a nivel cultural. Podemos dicir que o 2024 será o Ano da Cultura no Porriño.
(BE) Efectivamente, tentaremos potenciar durante 2024 a figura de Antonio Palacios cunha gran cantidade de actividades para a cultura do Porriño.
Festas do Cristo 2023. Qué balance poden transmitirnos?
(AL) É un mes de festas con moitas actividades. A ilusión deste goberno municipal é que se realicen actividades de cultura con todos os colectivos para que sexan partícipes e teñan a posibilidade de actuar no seu propio Concello.
Este ano hai moitas iniciativas novas e tamén se retomaron outras actividades que deixaron de facerse nos últimos anos. Temos que recuperar a nosa cultura e potenciar aos nosos artistas. E iso implicará obviamente un apoio absoluto por parte do Concello a todas esas actividades, como o Festival de Cans 2024, por poñer un exemplo.
O Porriño Concello Emprendedor. Pódese falar que o Concello é pioneiro neste campo?
(AL) Pódese falar que o Concello do Porriño ten unha potencialidade industrial moi importante. Somos o Concello co PIB mais elevado de toda a provincia de Pontevedra. Somos un referente industrial e queremos seguir avanzando. Por iso é importante ser un Concello Emprendedor porque este Concello vai recibir moitas subvencións das que se beneficiarán cada unha das empresas e os emprendedores.
Iso require que se modifiquen as ordenanzas municipais e os cobros que existen. As empresas terán bonificacións dun 95% en distintos impostos. E para iso temos que reunir a documentación necesaria e trasladala á Xunta de Galicia para ser beneficiado como Concello Emprendedor. Este 2023 O Porriño terá por tanto esa categoría.
A Comunidade de Montes de Atios vén de publicar un comunicado sobre unha senteza xudicial na que presuntamente o Concello ten que devolver os ingresos que dende 2018 cobraría polas parcelas. Que valoración pode facer disto?
(AL) Esa sentenza non existe. Eles (Comunidade de Montes de Atios) se están confundindo. A sentenza que existe é a que saíu no seu momento e que dicía que realmente as canteiras pertenecían á Comunidade de Montes de Atios e así vaise executar. A sentenza que existe non din nada de devolver eses ingresos cobrados dende 2018, mais ben todo o contrario, din que non hai que volver atrás neses pagos. E iso é o que imos facer: a sentenza temos que cumprila, o que supón trasladarlle ás canteiras á Comunidade de Atios. Pero nada fala esa sentenza que teñamos que pagar dende o ano 2018.