Tui | O Concello de Tui está presente en FITUR, a Feira Internacional de Turismo, para promocionar turisticamente o municipio e buscar novas alianzas. Aos grandes atractivos turísticos que ten o municipio súmase a conmemoración do 800 aniversario da Catedral.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez desprazáronse a Madrid para participar en FITUR nas presentacións das novas campañas de promoción nas que participa o municipio. Amais tanto hoxe coma mañá teñen axendados distintos encontros para reunirse con operadores interesados en Tui.
Así, hoxe xoves mantiveron con Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia, un primero contacto para estudar vías de colaboración de cara á celebración do oitavo centenario da Catedral de Tui. Previamente, a primeira hora, reuníronse con Turismo Porto e Norte para abordar un proxecto vinculado co patrimonio xudeu entre Galicia e Portugal.
Por outra banda esta tarde o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Turismo, Ana Núñez, participaron na presentación da campaña “Para Lembrar” do Xeodestino Galicia Suroeste. O pórtico da Catedral é un deses elementos para lembrar. Tamén asistiron á presentación da campaña “Cando volves” da Deputación de Pontevedra. O río Miño e a silueta do conxunto histórico, presidida pola Catedral, forma parte do vídeo promocional.
En FITUR tiveron amais a oportunidade de saudar aos representantes de distintas empresas tudenses vinculadas ao turismo que acudiron tamén a esta cita internacional.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou esta tarde que esta é unha oportunidade única, xa que en FITUR “se reúnen todos os operadores a nivel privado e a nivel institucional para poder visibilizar e viablizar aqueles proxectos nos que estamos traballando neste momento a nivel de promoción turística”.