O Porriño | Un total de 57 peregrinos aloxáronse no Albergue do Porriño desde que o pasado día 1 reabriu as súas instalacións, segundo informou a Concellería de Turismo con datos da primeira quincena deste mes.
A súa orixe maioritaria é nacional e procedían primeiramente de Madrid, Valencia e Murcia. Tamén rexistrouse afluencia de peregrinos estranxeiros con predominio de portugueses, británicos e de diversos países asiáticos. A pesares de que o Albergue do Porriño ten un total de 40 prazas tan só poden ocuparse diariamente 9, a causa das restricións decididas pola Xunta de Galicia.
David Alonso, concelleiro responsable de Turismo manifestou a súa satisfacción polos resultados que están a acadarse co punto de información turística que o Concello instalou no Albergue e que atende a técnica Belén Freire que se encarga de informar aos peregrinos e visitantes sobre monumentos, paisaxes, oferta gastronómica e de tempo libre no Porriño.
Esta axente turística atende a diario, de luns a venres, en horario de 9 da mañá a 3 da tarde.
Peregrinos que portan a “Mochila da Luz”
Os concelleiros do goberno municipal Sergio Casal, David Alonso e Cami Moreira recibirán mañá venres, ao redor das 13 horas, no salón de plenos do Concello aos peregrinos que portan a “Mochila da Luz” en homenaxe ás vítimas da Covid.
Peregrinos que están a realizar o Camiño Portugués portan por relevos a “Mochila da Luz” desde que partiu de Oporto o pasado luns 12. Precisamente mañá venres completarán a etapa Tui-Porriño. A coordinadora da iniciativa, Susi Soto e un grupo de peregrinos de varias nacionalidades serán os encargados de transportar a Mochila da Luz ata Porriño.
Este ano 2021 a mensaxe a transmitir “e de esperanza, da luz da esperanza dos nosos maiores por ser o primeiro grupo de poboación en ter recibida a vacina”, segundo manifestan os promotores da “Mochila da Luz” nas súas redes sociais.