Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de inaugurar a 4ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que abriu así oficialmente as súas portas na tarde de onte, nun acto inaugural multitudinario, non só debido ao número de autoridades presentes, senón tamén pola presenza de representantes das 27 adegas participantes, así como cidadáns e multitude de visitantes.
Previamente ás intervencións do alcalde da cidade, e do pregoeiro o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, o grupo de baile tradicional “Donaire” amenizou o evento inaugural, o cal deu comezo ás 19:30 horas.
Na súa intervención, José Tomé Roca comezou destacando que “tras dous anos marcados pola pandemia, volve o Festival do Viño, e así podemos volver a reunirnos neste fermoso Paseo do Malecón de Monforte cun obxectivo común, promocionar os nosos viños da Ribeira Sacra” e recordando que o Festival do Viño foi unha “iniciativa municipal que botou a andar en 2017 en colaboración coa Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, cunha clara vocación de consolidarse no tempo”.
O rexidor monfortino non se esqueceu dos verdadeiros protagonistas do evento: “quero dar un agradecemento especial ós 27 adegueiros que están hoxe aquí presentes neste Festival. Polo seu compromiso, polo seu esforzo e pola súa colaboración, porque gracias á súa xenerosidade imos poder disfrutar dun evento que proxecta a calidade e a excelencia dos nosos viños nun mercado moi amplo e que fai de reclamo para a comarca de Lemos e para a Ribeira Sacra, como a min me gusta dicir, un anaco do Paraíso no interior de Galicia.”
Esta mostra reúne a adegueiros das diversas subzonas da D.O. Ribeira Sacra, o cal reforza a imaxe dun destino turístico que está de moda e que xira entre outras cousas, entorno á ó sector vitivinícola, pero tamén arredor da cultura, da paisaxe, da gastronomía, da artesanía e do turismo.
Tomé Roca tamén incidiu en que “este evento non pretende competir con ninguén, todo o contrario, pretende sumar e unir esforzos, poñendo o colofón ás magníficas Feiras do Viño que se celebran en varios concellos da Denominación de Orixe.” Porque ademais “o sector do viño é hoxe unha peza clave na economía da comarca, e nel compaxínase a tradición do cultivo en terraza coa innovación tecnolóxica na elaboración dun viño de calidade en bodega, que compite con calquera denominación do Estado español, e tamén no eido internacional, como atestiguan os premios acadados nos eventos estranxeiros”.
“Este sector”, recalcou o rexedor monfortino, “ten por diante un gran potencial, que segue medrando e buscando novas fórmulas de atracción para clientes e turistas, por iso, dende este escaparate do conxunto da Ribeira Sacra, imos seguir traballando en colaboración cos adegueiros e coa da Denominación de Orixe, porque traballando en equipo, e sumando esforzos, multiplicaremos os efectos positivos que pretendemos”.
O alcalde quixo agradecer a colaboración de Antonio López, pregoeiro desta cuarta edición do Festival, ”porque ademais de ser o reitor da universidade máis importante de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, á que pertence o Campus Terra de Lugo, é un lucense, nacido en Barreiros, e sabemos da súa aposta firme pola nosa provincia.”
Pola súa banda, Antonio López, pregoeiro do Festival do Viño, e reitor da Universidade de Santiago de Compostela,, destacou a importancia do viño ó longo de toda a historia, e ensalzou os valores dos caldos da Ribeira Sacra, así como a importancia económica do sector vitivinícola.
Do mesmo xeito, salientou a aposta forte que a USC fai polos sectores primarios, agrario e gandeiro, a través do Campus Terra de Lugo, e reafirmou o seu compromiso de colaboración coa Deputación de Lugo, coa que colabora estreitamente en diversos proxectos a prol da provincia de Lugo.
O reitor tamén ensalzou os valores e a potencialidade da Ribeira Sacra, na que destacou por riba de todo as calidades dos seus viños, o valor da súa viticultura que se recuperou co transcorrer dos anos.
Tras a intervención do reitor da USC, a comitiva institucional levou a cabo un percorrido polos 27 stands das adegas participantes, así como polos postos de artesanía e gastronomía tamén presentes no Festival. E non faltou un brinde oficial cos excelentes caldos da D.O. Ribeira Sacra.
Sábado 2 de Xullo. 11:00 h – Apertura dos stands. 12:00 a 14:00 h – Obradoiro de Olería Tradicional da Ribeira Sacra – Figulus. 12:30 a 13:30 h – Taller de Iniciación a Cata. Descobre… Viños da Ribeira Sacra. 15:00 h – Peche dos stands. 19:00 h – Apertura dos stands.
19:00 a 20:00 h Taller de Animación con Velaísca. Descórchate. 20:00 a 21:00 h – Taller de Contacontos. Anxo Moure. 23:00 h – Espectáculo LEIRA de NOVA GALEGA DE DANZA e Rosa Cedrón. 00:00 h – Peche dos stands.