A Cañiza | O pasado sábado, 17 de xuño, tiven a inmensa honra de tomar posesión como Alcalde do Concello da Cañiza por 2º Mandato consecutivo.
A Toma de Posesión é un Acto Institucional, cargado de solemnidade, especial e único para todas as persoas que decidimos traballar polo servizo público e a política municipal. Un momento que leva implícita a promesa de adoptar serias responsabilidades e deberes que, durante este novo Mandato, eu quixera compartir con todos vos.
En primeiro lugar quero enviarvos a todas e todos os cañicenses o meu máis sinceiro agradecemento por ter depositado no meu proxecto de goberno o vosa confianza. Grazas moi sentidas.
Grazas á xente que me apoiou.
Grazas ás persoas que durante estes catro anos me axudou na difícil tarefa de ser Alcalde.
Grazas por suposto a miña familia, á miña muller, aos meus fillos e a miña nai. Estes catro anos, intensos, adicados as 24 horas dos 7 días da semana ao noso Concello, implicaron una dedicación completa que tiveron unha consecuencia importante na miña presenza na familia. O seu esforzo e apoio foi crucial e transcendental para que eu poidera continuar con este proxecto municipal dende a Alcaldía do meu Pobo: A Cañiza.
Nos meus inicios na política local, tiña un so concelleiro. Fixen un percorrido difícil no que sempre tiven presente que o máis importante era loitar polos intereses do meu pobo e pouco a pouco, con esforzo, tesón e dedicación hoxe consigo o voso apoio maioritario para ser o Alcalde de todos os cañicenses durante este novo Mandato que comezou o pasado sábado 17 de xuño.
Os catro anos pasados foron realmente duros. Complicados por unha Pandemia, a da enfermidade do SARS- COVID-19 que nos deixou a todos unha amarga pegada. Pola invasión Rusa a Ucrania e as súas consecuencias a nivel internacional e no eido municipal por atoparme cun concello afogado polas débedas acumuladas nos anos de gobernanza anteriores.
Unha situación complicada que duramente e con rigor conseguimos revertir. Con traballo e un grande esforzo aplicado a todos os eidos da política municipal, pouco a pouco estamos conseguindo corrixir a xestión municipal. Con todo, aínda a medio prazo terá consecuencias, polo que non nos podemos descoidar.
Hoxe quero enviarvos unha mensaxe optimista e sobre todo conciliadora. Desexo ser o Alcalde de todas e de todos os veciños da Cañiza, deixando de lado calquera pensamento político. Ao marxe das lexítimas ideoloxías de cada quen, eu, na miña calidade de Alcalde desexo que TODOS TRABALLEMOS XUNTOS, porque unindo as nosas forzas, as nosas sinerxias, poderemos acadar moito máis para a NOSA CAÑIZA.
Temos moito traballo por diante. Moito traballo programado e madurado para acadar uns obxectivos firmes e necesarios para que A Cañiza progrese, con vantaxes para todas e para todos. Para ir colocando de novo A Cañiza no mapa empresarial, comercial, turístico, cultural, deportivo, medioambiental…e moito máis.
Teño un firme compromiso de traballo por A Cañiza. Un compromiso que me gustaría compartir con todos.
E nesa liña tentarei manter a Gobernanza que comeza agora, en canto se celebre o Pleno Organizativo, co obxectivo de que, dentro de 4 anos, cando se volvan a celebrar as Eleccións Municipais, poida conseguir tamén a confianza de aqueles que non me votaron.
Por todo isto traballarei. Grazas novamente a todas e a todos pola vosa confianza.
O Alcalde da Cañiza
Luis Antonio Gómez Piña
A Cañiza, 21 de xuño de 2023