O Alcalde de Ourense expresa as súas condolencias polo falecemento do pintor Alexandro

Foi “un referente da arte e da cultura da nosa cidade” dixo Jácome

Ourense | O Alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, expresou esta mañá as súas condolencias polo falecemento do pintor ourensán Alexandro: “é unha gran perda dun referente da arte e da cultura da nosa cidade”, manifestou.

O alcalde lembra que entre os anos 50 e 70 do pasado século, en locais como o hoxe desaparecido Bar Tucho, no Eironciño dos Cabaleiros, máis coñecido como O Volter, xerminou o grupo dos chamados Artistiñas, nomes como Xaime Quessada, Arturo Baltar, Xosé Luis De Dios, Virxilio, Buciños ou Acisclo Manzano, que aprenderon da súa xeración previa (Conde Corbal, Prego de Oliver, Antón Faílde), e crearon escola na seguinte (Alexandro, Vidal Souto, Carlos Vello…)

Alexandro González Cruz naceu en Ourense (1945), viviu en Berlín e París. As súas primeiras exposicións, a principios dos anos 70, xiran en torno a Santiago, Ourense e Madrid. A colección municipal posúe varias obras da súa autoría, dada a estreita relación que sempre mantivo co Museo Municipal cando vivía na rúa da Paz.

O centro municipal José Ángel Valente acolleu en decembro de 2015 unha exposición na que o pintor ourensán apostaba por un grande formato, e amosaba a súa pegada inconfundible, marcada por un cromatismo único, e mantendo elementos que formaban parte da súa esencia. Alexandro “non facía debuxo previo e facía varios cadros á vez, non lle poñía título aos cadros para non contar unha historia e conseguir que cada un deles creara a súa propia historia”, destaca Gonzalo Jácome. Na foto Alexandro nunha reciente visita a Ourense.