Ourense | O Concello de Ourense promoverá a expropiación da estación de ferrocarril de San Francisco para dotar o barrio dun centro de saúde. Así o anunciou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen avanza que o obxectivo é obter estes terreos, dos que é titular o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), e poñelos á disposición da Xunta de Galicia para que constrúa un centro de saúde que preste atención á veciñanza deste barrio, xa que a metade dela actualmente ten que desprazarse ao barrio da Cuña para dispoñer deste servizo.
O alcalde de Ourense explica que “ADIF ten varios terreos en Ourense que non está utilizando. Recentemente anunciamos que queremos expropiar para interese público unha superficie dunhas 10-12 hectáreas no barrio da Ponte para dotar de mellores infraestruturas e servizos esta zona da cidade. E queremos realizar unha operación similar en San Francisco, onde iniciaremos un expediente de expropiación para obter a antiga estación de ferrocarril”.
“Queremos darlle ao barrio un servizo do que actualmente carece: un centro de saúde propio. Actualmente a metade da veciñanza ten que ir á Cuña para dispoñer deste servizo, e isto realmente é un problema. Queremos que teñan o seu propio centro neurálxico de atención médica, de primeira man”, asegura Pérez Jácome.