Ourense | O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, foi recibido polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, para tratar unha axenda de temas importantes para as dúas administracións. No encontro, cualificado de absolutamente cordial polo rexedor, abordáronse unha ducia de asuntos, entre eles a ampliación do Complexo Hospitalario, xa en marcha.
A xuntanza, solicitada desde o Concello de Ourense, serviu tamén para abordar “tres inquedanzas que debemos responder con prontitude”, en palabras de Pérez Jácome. A primeira, unha demanda de solo para a construción dunha “mini-cidade administrativa”. O alcalde búscalle unha saída ás demandas de tres administracións no referente ao espazo na cidade: os 14.000 m2 para as dependencias administrativas da Xunta de Galicia; os 5.500 m2 da Confederación Hidrográfica Miño-Sil; e os 9.000 m2 que precisaría o Concello de Ourense para unificar todas as súas dependencias.
Ademais, tamén se puxo sobre a mesa o Centro de Intelixencia Artificial que promove o goberno municipal -ao que se unirán nas vindeiras datas 25 novos traballadores-, para o que Gonzalo Pérez Jácome busca apoio económico por parte do goberno galego e novos proxectos nos que traballar en conxunto.
O último dos grandes temas foi unha nova cualificación de terreos na zona do antigo matadoiro, onde o Concello quere construír un parque acuático termal operativo todo o ano.
Pérez Jácome e Alén Castro comprometéronse a seguir este contacto fluído entre administracións e traballar a prol da cidade e provincia.