O Covelo | O alumnado CEIP Antonio Blanco Rodríguez participou nunha nova sesión do proxecto RiosAldeasMontañas de Covelo. Da man do guía de montaña e biólogo Julio Eiroa achegáronse á riqueza medioambiental do seu concello.
Este proxecto do Concello de Covelo, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, desenvólvese ao longo de todo o ano con nove roteiros guiados, 2 etapas da Vía Mariana, 12 xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos e 3 saídas guiadas co alumnado do CEIP Antonio Blanco. A esta proposta o Concello de Covelo suma a rede de roteiros estables para percorrer todo o ano, a praia fluvial de Maceira, os espazos singulares de cada parroquia, a piscina municipal aberta en tempada estival e a programación cultural que oferta o Concello.
Neste segundo ano do proxecto RíosAldeasMontañas o alumnado de 1º e 2º de educación primaria visitou o río Xabriña para coñecer a súa biodiversidade e a da contorna das súas beiras. O alumnado de 3º e 4º visitou o Serradoiro dos Carranos saíndo de Maceira e percorrendo o sendeiro que os levou ao conxunto etnográfico de Carranos que inclúe unha aula da natureza. Por último, 5º e 6º participarán, antes de final de curso, nunha actividade de orientación de montaña na que a través dunha sesión deportiva e cultural se achegarán a conceptos relacionados co coñecemento da montaña na contorna da praia fluvial de Maceira.
Nos últimos anos milleiros de persoas achegáronse a Covelo na procura de refuxo verde no que respirar aire fresco. Recunchos de río agochados nos que bañarse nun “spa” que aporta unha inxección de relaxamento. Alonxados espiritualmente do mundo, do ruído, e a tan só 30 km do aeroporto e a 40km da cidade de Vigo podemos atopar o descanso tan necesario para voltar á rutina diaria.
Boa gastronomía, rutas frescas de río, rutas de montaña de vistas infinitas, camiños sacros, infinidade de patrimonio e aldeas cheas de meigallo galego son os principais atractivos que garanten un paquete vacacional a medida e totalmente personalizado. Espazos e tempo de calidade para gozar en soidade, en silencio, ou de xeito grupal. Actividades programadas e guiadas ou a aventura de explorar a través da rutas de sendeirismo que durante todo o ano reciben aos visitantes para amosarlle a fauna e flora autóctona, un agasallo privilexiado con tarifa plana ao longo de todo, a de investir os cartos e o tempo en alimentarse ben na hostalaría local, mercar bos produtos criados, cultivados e comercializados en Covelo e camiñar e descansar á beira dos ríos ou no cumio do Castelo do Faro, punto starlight dende o que contemplar os astros, de noite, e, de día, a desembocadura do río Miño no Atlántico e as illas Cíes.
Ademais dos milleiros de visitantes que percorren o Concello de Covelo ou acuden á Mostra de Produtos que cada primeiro sábado de mes se celebra na praza Mestre Cerviño co apoio da Deputación de Pontevedra, son xa moitas as persoas que decidiron asentarse no Concello de Covelo nos dous últimos anos. Acceso por autovía e boa conectividade á rede motivan ás persoas a instalarse nesta vila que se asenta como o pulmón verde do sur de Galicia.
O camiñante silencioso poderá deixarse sorprender pola fauna, corzos, cabalos, porcos bravos, vacas, teixugos, águias, troitas, doniñas, merlos, cucos… e un sinfín de animais dos que poderemos gozar se un se achega a Covelo sendo consciente do espazo de alto valor medioambiental que ten o privilexio de admirar. As persoas que quieran recibir unha experiencia e visita guiada poderán inscribirse a través desta paxina https://www.facebook.com/covelotourism
Produtos de proximidade, praias fluviais e unha ampla oferta de albergues, casas de turismo rural, hoteis, quintas e rectorais atraen a milleiros de persoas que apostan por experiencias individuais ou grupais totalmente personalizadas.