Ponteareas | Esta intervención pedagóxica, que levou por título A zarzuela como relatos da sociedade española e as súas historias, surxe como unha investigación que emprega as músicas de zarzuela como ferramentas didácticas para que o alumnado poida profundar non só no seu coñecemento na materia de Xeografía e Historia a través das representacións artísticas do seu tempo, senón tamén no seu pensamento crítico e cívico, ao cuestionar as formas nas que se representan personaxes e situación nas obras.
Esta intervención foi elaborada por un equipo transdisciplinar de docentes, músicas e investigadoras, conformado por Marcos Amado Rodríguez, Sara Cayetano Sío, Carmen Bargiela Casasnovas, Esmeralda Quiroga Rodríguez e Adrián Barreiro Viñas.
A investigación por proxectos que se elaborou co alumnado participante levounos a estudar obras de autores tan asentados como Barbieri ou Chapí, mais tamén doutras persoas non tan coñecidas, como Elena Faus, unha compositora cuxa figura e algún fragmento da súa obra foron recentemente recuperadas polos traballadores e traballadoras do CEDOA da SGAE.
A maior parte das obras investigadas polo alumnado deron lugar ao concerto didáctico, no que se aproveitou para volver a facer soar, entre outras pezas pouco habituais no repertorio actual, un número do sainete Encarna, la Misterio (1925), de Reveriano Soutullo e Juan Vert, obra que cumpre este mesmo ano o seu centenario.
A investigación-acción colaborativa que se deu entre docentes do instituto, investigadores da universidade e músicas do conservatorio superior deu lugar a unha intervención moi suxestiva na que as persoas involucradas remarcan o seu importante valor, tanto a nivel educativo e pedagóxico como a nivel patrimonial e musical.
“A zarzuela permite un achegamento non só á Historia con H maiúscula, a dos grandes nomes e grandes obras, a gran historia político-económica estatal, tamén á historia con h minúscula, a historia das persoas, da cotidianidade, das afectividades. Cando escoitamos os fermosos versos que pechan o primeiro acto da zarzuela La Rosa del Azafrán, soubemos que esta podería ser unha proposta magnífica para ensinar ao alumnado unhahistoria que normalmente non se ensina nestas etapas”, explica un dos responsables da intervención, Marcos, musicólogo.
“Sempre é interesante saírnos ao encontro nas diferentes materias. Que o alumnado vexa que a literatura, a música, a arte tamén son froito dunhas circunstancias históricas concretas”, comentan os docentes do IES Val do Tea, Esmeralda e Adrián. “É unha experiencia marabillosa facer soar de novo música esquecida do noso patrimonio á vez que lla damos a coñecer ás novas xeracións”, afirman as músicas encargadas do concerto didáctico, Carmen Bargiela e Sara Cayetano.
Sobre os integrantes da intervención pedagóxica Marcos Amado Rodríguez é musicólogo pola Universidade de Oviedo, e realizou o mestrado de profesorado na Universidade de Vigo. Actualmente realiza o doutoramento, enfocando a súa tese no teatro lírico de Reveriano Soutullo e Juan Vert. Carmen Bargiela Casasnovas é pianista. Estudou no Conservatorio Superior de Música de Vigo e completou a súa formación como alumna Erasmus en Trento.
Actualmente realiza o mestrado de Investigación no Conservatorio vigués. Ademais colaborou en diversas ocasións coa Banda Sinfónica GalegaSara Cayetano Sío e soprano, formada no Conservatorio Superior de Música de Vigo na especialidade de pedagoxía. Actualmente atópase realizando a especialidade de canto, que a levou como estudante Erasmus a centros de referencia como o Conservatorio KASK de Gante. Esmeralda Quiroga Rodríguez é docente no I.E.S. Val do Tea, pertencente ao departamento de Lingua Castelá e Literatura e titora do Programa de Diversificación Curricular (P.D.C.). Adrián Barreiro Viñas é docente no I.E.S. Val do Tea, actual xefe do departamento de Xeografía e Historia.