Tui | O Arquivo Municipal de Tui recibiu esta semana a doazón de dous exemplares de “La Aceituna”, o xornal escolar editado pola Escola do barrio tudense das Olivas nos meses de marzo, abril e maio do ano 1935.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o historiador Bieito Alonso que realizou a doazón, asinaron a acta de entrega desta sinxelas follas editadas por aquel centro escolar tudense nos tempos da II República. A propia cabeceira recolle “La Aceituna. Periódico escolar del Barrio de las Olivas. Redacción: nuestras escuelas; directores: nuestros maestros; redactores: nosotros”, constituíndo un exemplo sobranceiro de prensa escolar daquel período. Están escritos a mans cunha coidada caligrafía e ilustrados con pequenos debuxos.
O rexedor tudense agradeceu moi especialmente a entrega destas publicacións para a súa conservación no Arquivo Municipal xa que representan unha testemuña excepcional do papel dinamizador que a educación acadou naqueles anos que supuxeron un amplo pulo social, que aínda na actualidade nos resulta de interese.
En 1935, cando se editou este xornada, figuraban como profesores desta escola do barrio das Olivas Martín Borrego e Eufemia Alcón Manzano, aos que en 1936 se unía coma mestre provisional Xosé María Álvarez Blázquez. O alumnado que escribiu no xornal era Ramón Martínez, Ángel Varela, Carmen Alonso, Tomasa Villaverde, Amancio Enríquez, Gonzalo Ordoñez, Pedro Fernández, Maruja López, Adelaida Estévez, e Carmen Alonso.
Estes dous exemplares do xornal escolar “La Aceituna” chegaron a mans do historiador Bieito Alonso da man dunha persoa á que deu clase na súa etapa de profesor de Secundaria en Tui.
Agora, tras recibir esta doazón, o Arquivo Municipal procederá á dixitalización do xornal, para facilitar a súa consulta, e gardará o orixinal nas súas dependencias.