A Cañiza | O Alcalde da cidade, Jesús Manuel Sánchez Cabrera acompañado polo Alcalde da Cañiza, Luis Piña e a Concelleira Paula Bacelar, inauguraron hoxe, ás 11h da mañá, a exposición multidisciplinar “De los primeros dibujos a la pintura actual. Diego de Giráldez”. Unha mostra que permanecerá aberta ata o 21 de abril no edificio do Episcopio de Ávila. Un fermoso emprazamento situado no centro da cidade antiga, a carón da Catedral.
Medio centenar de pinturas e catro esculturas integran esta mostra que permite repasar as diferentes etapas da traxectoria de Diego de Giráldez e observar a evolución da súa creatividade. Dende unha primeira etapa ruralista ata o solo cor, pasando polo Realismo NAS creado polo noso artista ou o modelado da luz e o movemento.
A inauguración rematou cunha actuación na Praza da Catedral do grupo de gaiteiros “Gaita Gallega” e de alumnos de dulzaina da Escola Municipal de Música de Ávila que quixeron render unha pequena homenaxe ao artista fundindo sons e armonías musicais.
Para o Alcalde da Cañiza, “volver a Ávila un ano máis, para poder acompañar ao noso recoñecido artista e Fillo Predilecto Diego de Giráldez, é máis que unha honra, é un privilexio”. “Un orgullo para o Concello da Cañiza poder contar cun embaixador como este prestixioso pintor, escultor, anatomista, veciño da Cañiza e recoñecido a nivel nacional e internacional en tantos museos e institucións”.
“Ademáis temos a honra de contar na Cañiza coa súa Casa Museo no que podemos coñecer todo o seu Universo creativo a través de mil metros cadrados de superficie que acollen máis de 500 obras entre pintura, debuxo e escultura” comentou Luis Piña. Unha edificación que en palabras de Diego de Giráldez “ainda que non está todo, é unha referencia para coñecer o que fixen”.
Na inauguración desta mañá, o noso Alcalde volveu a agradecer ao Alcalde de Ávila a invitación para asistir a este novo acto cultural que forma parte da axenda da Cidade.
Para Diego de Giráldez a relación con Ávila ten un profundo compoñente emocional e sentimental. «Tengo una relación muy íntima con esta provincia porque desde hace más de tres décadas llevo abriendo exposiciones en la Diputación, en el Ayuntamiento y en otros muchos municipios de la Provincia» comentou durante a súa intervención e continuou falando da súa paixón pola cidade de Ávila, reiterando que para él é unha das cidades máis acolledoras e que máis lle gusta de toda España e coa que mantén os maiores vínculos afectivos.
A exposición cobra unha interesante relevancia neste 2024, ano no que Diego de Giráldez cumpre 54 anos no mundo da arte. Anos de intensa creación, recollidos nun catálogo conmemorativo de toda a súa carreira artística, dende os debuxos iniciais ata a actualidade en distintas etapas, pasando polos seus períodos de franciscanismo, ruralismo ou o realismo NAS.