Arbo | O Concello de Arbo mostrou a súa satisfacción co alcance, a categoría e a participación lograda nesta nova edición do concurso de carteis da “LXIII Festa dá Lamprea”, onde os autores mostraron unha vez máis, diferentes habilidades, talento, creatividade e coñecemento absoluto sobre a localidade e a Raíña do Miño, “a lamprea” e a nosa festa máis emblemática.
Moitas foron as propostas que chegaron ao Concello de Arbo dende distintas partes da xeografía española e mesmo do país veciño Portugal, para participar na categoría libre do concurso, onde o debuxo gañador será o póster que anunciará a LXIII Festa da Lamprea (www.festadalamprea.gal) , que terá lugar os días 28,29 e 30 de abril e que este ano se estrea como festa de interese turístico internacional.
Os bosquexos avaliados por un xurado reunido o pasado día 18 de xaneiro de 2023 no Salón de Plenos do Concello de Arbo, composto por membros de diferentes sectores de Arbo, non o tiveron fácil, tendo en conta que os deseños, todos eles coa lamprea como tema principal, presentaban unha enorme destreza. Resultaron gañadores co primeiro posto César Núñez Álvarez, de Astorga (León) co cartel “Da fonte aos fogóns” , o segundo posto para Isabel Núñez Montero, co cartel “O bo nunca cambia” e terceiro posto para Valeria Catherine Díaz Tirado, de Gondomar.
Segundo o alcalde, Horacio Gil, este certame celebrouse durante máis de 30 anos e xurdiu como unha idea para promover a festa da Lamprea (www.festadalamprea.gal) que se celebra desde o ano 1961 a última fin de semana de abril, e que é a principal festa gastronómica do municipio e que este ano se celebra co máximo titulo honorífico. Tendo en conta a alta participación, ademais do feito de que algúns dos autores son de diferentes partes de España e mesmo do país veciño Portugal, mostra que a festa da Lamprea e Arbo, cada ano ten un maior impacto na escena nacional e internacional, e aí é onde se nota o beneficio do intenso traballo de promoción levado a cabo nos últimos anos.
O Miño deunos identidade e tróuxonos a lamprea, o animal prehistórico que aparece na nosa bandeira e no noso escudo, e que foi sempre o elemento estrela da nosa mellor tradición culinaria. Foi a nosa referencia gastronómica desde antes de que existise a gastronomía como tal, entendendo esta palabra como a arte que estuda a relación do ser humano coa súa alimentación e o seu medio ambiente ou contorna.
En apenas tres meses, entre o 28 e o 30 de abril, celebrarase a sesenta e tres Festa da Lamprea en Arbo, e este ano celebrarémola de maneira máis especial tras a noticia recibida en FITUR e que están todos e todas convidados.” – Horacio Gil, Alcalde de Arbo.