Ponteareas | O Ateneo Amado Garra acusou ao Goberno Local de instrumentalizar e utilizar sen ética a un grupo de artistas seleccionados para a Residencia de Artistas, todos de fóra de Ponteareas agás un, para ir contra o Centro Cívico e impedir que o edificio rehabilitado na Praza Maior estea a disposición de toda a xente, da mocidade e das asociacións.
“Son empregados como verdadeiros escudos humanos polo goberno local fronte á demanda social unánime de Ponteareas para que o Centro Cívico sexa a Casa Cultural do centro urbano e non un hostal para uns poucos”, explicou o Presidente do Ateneo, Roberto Mera.
O Ateneo enviou un escrito ao grupo de artistas seleccionado explicándolles os antecedentes relativos ao edificio rehabilitado na Praza Maior, o destino previsto no proxecto para atender as necesidades de toda a poboación, tamén a nivel cultural e artístico, e a decisión do Goberno Municipal de convertelo nun aloxamento para o grupo de artistas seleccionado.
“Obviamente, estes artistas non son responsábeis da decisión inadmisíbel do Goberno Local, quen os coloca nunha situación comprometida, ao utilizalos como excusa para impedir que o Centro Cívico sexa para toda a poboación como estaba previsto”.
O Ateneo aclara tamén nese escrito que “non estamos en contra da existencia dunha Residencia de Artistas en Ponteareas, ao contrario, todo o que sexa promover as artes e a cultura ten o noso apoio e respaldo, o que non admitimos é que a Residencia de Artistas se utilice para privar a toda a poboación do primeiro espazo sociocultural co que Ponteareas ía contar no centro urbano. A Residencia de Artistas debe crearse noutro lugar diferente”.
Finalmente, na misiva, o Ateneo pide a comprensión, o apoio e a solidariedade do grupo de artistas seleccionado, sinalando que “sabendo que se trata de persoas con inquedanzas e compromisos sociais e culturais, estamos convencidos de que compartirán con nós que toda a poboación precisa e ten dereito a espazos mínimos nos que desenvolver a súa iniciativa e inquedanzas culturais e que eses espazos para a maioría social non se poden sacrificar en favor duns poucos”.