O Ateneo Amado Garra apremia ao Concello a definir cos colectivos sociais o modelo de uso do Centro Cívico

A asociación convocará aos colectivos sociais a unha reunión para fixar unha posición común

Ponteareas | O Ateneo Amado Garra, a través do seu Presidente Roberto Mera, ven de solicitar ao Concello de Ponteareas unha reunión urxente para explicar e informar aos colectivos sociais e entidades veciñais sobre as previsións de remate e entrada en funcionamento do Centro Cívico.

Este novo equipamento, ubicado nun edificio de 900 m2 na Praza Maior, foi adquirido polo Concello hai varios anos quen acometeu unhas obras de rehabilitación que están practicamente rematadas. É por ese motivo polo que o Ateneo Amado Garra considera urxente que o Concello, tal e como se comprometera nas primeiras reunións celebradas hai varios anos, se reuna coas entidades sociais para concretar o modelo de xestión e como se regulará a utilización do Centro Cívico por parte dos colectivos.

O Presidente do Ateneo, Roberto Mera, lembra no escrito que o Centro Cívico está financiado con preto dun millón de euros pola Unión Europea, no marco da estratexia Hábitat Saudábel (EDUSI) e que o destino que se estableceu para o novo equipamento foi, entre outros, o seu uso polas distintas entidades, asociacións e colectivos sociais para a celebración de reunións e actividades culturais, sociais, lúdicas ou formativas.

Ademais, contempláronse espazos para a actividade interna das asociacións, como reunións das súas directivas ou traballos de xestión e espazos para gardar a súa documentación e materiais. O Centro Cívico tamén deberá albergar espazos para exposicións, fixas e temporais.

Mera lembra que o Centro Cívico “se trata dun espazo dirixido a dar resposta a unha necesidade imperiosa que ten a vila de Ponteareas de contar cun equipamento no que desenvolver actividade social, cultural ou formativa do Concello e das asociacións, unha sorte de Casa Cultural do centro urbano da que sempre carecemos e que tan necesaria é”.

Tendo en conta que o Centro Cívico vai ser utilizado por diferentes asociacións e colectivos, é necesario que dende o Concello, e coa participación desas entidades, se regulamente a utilización dos espazos para que atendan as necesidades dos colectivos sociais.

Nese sentido, o Ateneo salienta que os seus fins e actividades están directamente conectados aos obxectivos e destino definido para o Centro Cívico por parte do Concello e financiado neses termos e para esas finalidades pola Unión Europea.

“No Ateneo temos en marcha a elaboración dunha ampla programación de actividades, moitas delas acaidas para a súa celebración no novo Centro Cívico”, sinalou Roberto Mera quen adiantou que o Ateneo Amado Garra convocará en breve aos colectivos e entidades da localidade para coordinarse e fixar unha postura común na definición do modelo de xestión do Centro Cívico.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.