As alfombras son unha obra de arte que debe ter, durante a súa efémera duración, unha completa protección do seu entorno para que ningún elemento poida supoñer unha agresión visual.
O Ateneo Amado Garra, a través do seu Presidente Roberto Mera, transmitíu este sábado por escrito ao Concello de Ponteareas que a colocación de grandes carpas acarón de varias alfombras “é unha grave equivocación”. Mera lembrou que as alfombras son “unha obra de arte que debe ter, durante a súa efémera duración, unha completa protección do seu entorno para que ningún elemento poida supoñer unha agresión visual”.
O presidente do Ateneo explicou que “igual que non se permite instalar unha nave industrial a carón dunha igrexa románica, é inaceptábel que a carón das alfombras se ubiquen enormes carpas con toldos máis propios de festas verbeneiras que dunha obra artística catalogada da como Ben de Interese Cultural”. Mera engadíu que se a pretensión é que as alfombras sexan Patrimonio da Humanidade, “estas actuacións comprometen o prestixio, o valor e a calidade da nosa principal manifestación cultural e artística e ese recoñecemento”.
É inaceptábel que a carón das alfombras se ubiquen enormes carpas con toldos máis propios de festas verbeneiras que dunha obra artística catalogada da como Ben de Interese Cultural
Por ese motivo, o Ateneo Amado Garra recomendou ao Concello con carácter de urxencia que proceda a retirar ao longo do día de hoxe as dúas carpas instaladas na Praza Maior e Praza de Bugallal, ou alomenos os seus toldos que xeneran o maior impacto visual.
A comisión de arte efémero do Ateneo, formada, formada por persoas alfombreiras, considerou tamén un erro “que esta actuación se fixera sen previa consulta aos colectivos que representan ás persoas alfombreiras que é quen mellor poderían calibrar e ponderar os pros e contras desas carpas e toldos”.
É un erro “que esta actuación se fixera sen previa consulta aos colectivos que representan ás persoas alfombreiras que é quen mellor poderían calibrar e ponderar os pros e contras desas carpas e toldos”.
Por outra banda, Mera sinalou que a carpa da Praza Maior acolle unha pequena grada de 1,50 metros de altura, que non aporta unha perspectiva diferente da alfombra xa que para iso sería preciso situarse cando menos á altura dunha primeira ou segunda planta dunha edificación. “Así pois, ademais de supoñer un grave impacto visual para a alfombra, non aporta nada para o público, resulta innecesario e contraproducente, danando a visualización da alfombra e a obtención de imaxes fotográficas”.
O Ateneo Amado Garra non alcanza a comprender o empeño do Concello por rodear, acotar e cercar as alfombras con elementos físicos que lles restan protagonismo, como as carpas e toldos ou os valados opacos. “Como acontece con calquera obra de arte, a súa contorna so debe contar con elementos imprescindibeis e moi discretos, que pasen desapercibidos visualmente, para que todo o protagonismo recaia sobre esa obra artística, neste caso as alfombras. E, lamentabelmente, estase facendo exactamente o contrario”.
Roberto Mera anima a todas as persoas relacionadas coa confección das alfombras a integrarse no Ateneo Amado Garra e participar na comisión de arte efémero como foro de estudo, análise e promoción da arte efémera, da que Ponteareas é o máximo expoñente no noso país, recoñecida internacionalmente. “Entre os nosos obxectivos están o de protexer a arte efémera e floral que representa un dos nosos principais sinais colectivos como pobo”, concluíu o Presidente do Ateneo.