Ponteareas | O Ateneo Amado Garra ven de convocar aos colectivos sociais ponteareáns a unha reunión sobre o futuro Centro Cívico, que se celebrará o vindeiro martes 25, ás 20:30 horas no Centro Artístico Sportivo.
Segundo sinalou o Presidente do Ateneo, Roberto Mera, a convocatoria vai dirixida especialmente aos colectivos que teñen como ámbito de actuación o centro urbano de Ponteareas ou o termo municipal no seu conxunto, pois serán os principais beneficiarios das instalacións do Centro Cívico, xa que os colectivos parroquiais na maioría dos casos dispoñen de instalacións nas casas culturais.
A pasada semana o Ateneo pedíu información e explicacións ao goberno municipal sobre as previsións de apertura do Centro Cívico e solicitou unha reunión para definir o modelo de uso do novo equipamento por parte dos colectivos sociais. Porén, segundo indica Mera, “até o día de hoxe, o Goberno Municipal non deu aínda ningunha resposta á nosa solicitude”.
Mera animou aos colectivos sociais a participar nesta reunión “porque o Centro Cívico é o espazo que foi concebido para que podamos dispoñer dun lugar onde celebrar reunións, tanto internas de directivas como abertas á cidadanía, ou para desenvolver todo tipo de actividades como exposicións, charlas ou conferencias, proxeccións ou cursos, entre outras actividades”.
O Presidente do Ateneo lembrou que, “a diferenza do que acontece na maioría das parroquias, no centro urbano carecemos de espazos municipais para esas actividades ou reunións e boa proba disto é que a reunión que convocamos temos que facela nunha entidade privada como o C.A. Sportivo a quen agradecemos a súa colaboración”.
O Centro Cívico está ubicado nun edificio de 900 m2 na Praza Maior que foi adquirido polo Concello hai varios anos, quen acometeu unhas obras de rehabilitación que están a piques de concluir.