Ponteareas | O Ateneo Amado Garra ven de convocar unha concentración diante do Centro Cívico, situado na Praza Maior, para esixir que este equipamento sexa “un espazo para a xente e non para uns poucos”.
A concentración terá lugar o sábado 26 ás 12 horas coincidindo coa inauguración no edificio da Residencia de Artistas promovida polo Goberno Municipal.
O Ateneo ven desenvolvendo unha campaña dende hai varios meses na que se reivindica que o Centro Cívico, un inmoble de 900 m2 rehabilitado na Praza Maior con case un millón de euros de fondos europeos, se destine aos fins sociais para os que estaba previsto. O equipamento creouse coa finalidade de que a vila contase cun espazo sociocultural do que carece. O proxecto recollía espazos de exposicións, salas de usos múltiples para cursos, obradoiros, reunións, conferencias, proxeccións e espazos para o seu uso pola xuventude e polos colectivos e asociacións, así como espazos para os servizos de ludoteca municipal, conciliación familiar e atención temperá.
Roberto Mera, Presidente do Ateneo, lembrou que “o principal beneficiario deste edificio sería toda a veciñanza de Ponteareas que podería acudir a cursos e obradoiros, a actos, conferencias e exposicións, como se dunha Casa Cultural ou Centro Sociocultural da vila se tratase. Ademais, permitiría que os colectivos dispuxeran dun lugar onde facer as súas reunións e actividades”.
Ese destino do Centro Cívico foi modificado unilateralmente polo goberno municipal hai varios meses, con escurantismo, sen ningunha consulta nin información aos colectivos e á sociedade, decidindo convertelo nunha residencia ou aloxamento para uns pequenos grupos de persoas, baixo a denominación Residencia de Artistas. Posteriormente engadíuse o uso do edificio como sede da UNED despois de que esta pasara polo Conservatorio e o Centro de Desenvolvemento Local. Este cambio fíxose sen responder a ningunha das peticións de información feitas nos últimos meses polo Ateneo e moitos outros colectivos sociais de Ponteareas.
Roberto Mera, lembrou que “a prioridade na vila é dispor dun espazo para cousas tan básicas como celebrar unha conferencia, ofrecer unha proxección, realizar unha exposición, celebrar reunións de directivas ou organizar cursos de toda índole. O prioritario é dispoñer no centro urbano dun espazo como o existente en moitas parroquias a través das súas Casas Culturais. Non imos permitir a intención do goberno de encher o Centro Cívico de camas para convertelo nun hostal nin imos admitir que un edificio para o desfrute de toda a poboación sexa un espazo para uns poucos nin que esta ocurrencia se faga a costa das necesidades do conxunto da poboación e dos colectivos ponteareáns que non temos espazos para desenvolver actividades”.
O Ateneo esixe ao Concello que busque outra ubicación para unha Residencia de Artistas, que non é unha prioridade para Ponteareas. O Ateneo denunciou o cambio de destino do Centro Cívico diante da Autoridade de Xestión da Edusi, dependente do goberno do Estado, que se encarga de velar pola correcta utilización dos fondos europeos. Tamén presentou unha queixa perante a Valedora que foi admitida. A Valedora reclamou información ao Concello que tampouco a facilitou aínda.
O Ateneo fai un chamamento a toda a veciñanza, e especialmente á mocidade e aos colectivos sociais, para acudir á concentración e facer fronte ao atropelo e agresión que supón a intención do goberno de privar á maioría da poboación deste espazo tan importante.