O Ateneo lembra que o Centro Cívico foi precedido hai varios anos dun proceso de participación social no que tanto os colectivos do concello como a cidadanía que participou nese proceso decidiron que o Centro Cívico tiña que ser un espazo para a actividade das asociacións e colectivos sociais, que hoxe carecen dun espazo no centro urbano no que desenvolver as súas actividades sociais, culturais ou formativas. “Iso foi o que se pedíu pola sociedade, iso foi o que se decidíu facer e iso foi o que se financiou pola Unión Europea”, sinalou Mera.
O Ateneo Amado Garra, a través do seu presidente Roberto Mera, cualificou de inaceptábel o cambio de uso do Centro Cívico anunciado onte pola Alcaldesa de Ponteareas.
O Ateneo considera inadmisíbel que, contrariando o acordado coa sociedade ponteareán, o grupo de goberno, unilateralmente, sen contar cos colectivos sociais e indo contra eles, prexudicando os seus xustos e lexítimos intereses, decida cambiar os usos por outros que non son demandados por ninguén.
Mera lembrou que “a prioridade na vila é dispor dun espazo para cousas tan básicas como celebrar unha conferencia, ofrecer unha proxección, realizar unha exposición, celebrar reunións de directivas ou organizar cursos de toda índole. O prioritario é dispoñer no centro urbano dun espazo como o existente en moitas parroquias a través das súas Casas Culturais. Estamos asombrados ante a intención do goberno de encher o Centro Cívico de camas para convertelo nunha sorte de hostal para que supostos artistas de fóra de Ponteareas teñan un aloxamento e non imos admitir que esta ocurrencia se faga a costa das necesidades dos colectivos ponteareáns que non temos espazos para a nosa actividade”.
O Ateneo Amado Garra explica que “non nos consta a existencia de ningún estudo que xustifique esa pretensión do goberno local”. O presidente Roberto Mera lamentou que “a pouca información que se coñece é a través da prensa, pois na páxina web da EDUSI non se recolle nada ao respecto e tampouco se convocou ás asociacións para explicar esas intencións e a decisión unilateral do goberno de tumbar o acordado hai varios anos cos colectivos sociais. A opacidade e falta de transparencia é absoluta e por iso solicitamos xa o acceso a todo o expediente do Centro Cívico”.
O Ateneo Amado Garra considera “unha falta de respecto que non se convocase aos colectivos, principais prexudicados por esas intencións, para explicar en que consiste a residencia de artistas e que alternativa se nos ofrece para dispoñer dun espazo para a nosa actividade”. A nova intención do Goberno non foi precedida dun proceso de participación social que é obrigatorio conforme ás normas que regulan este financiamento europeo.
Mera anunciou que o Ateneo Amado Garra e os colectivos sociais “non imos consentir que se nos prive do espazo que se creou para as asociacións e empregaremos todos os mecanismos existentes para asegurar ese uso social”. O presidente do Ateneo adiantou que nos vindeiros días porá os feitos en coñecemento da Autoridade de Xestión da Edusi, dependente do goberno do Estado, que se encarga de velar pola correcta utilización dos fondos europeos, para que vele polo correcto destino dos fondos europeos e do Centro Cívico financiado con eles.