Ponteareas | O Ateneo Amado Garra cualificou de “escandaloso” que o Centro Cívico estea vetado para as asociacións e a xente en xeral de Ponteareas e que se utilice para impartir diferentes cursos de pago por parte da UNED.
A asociación ponteareán lembrou que a UNED estivo nunha aula do Conservatorio de Música a comezos de ano, cando se inaugurou, e agora foi ubicado polo Goberno Local no Centro Cívico dentro da súa estratexia de ocupar este edificio para impedir que poda ser utilizado polas asociacións, pola mocidade e pola infancia de Ponteareas como estaba previsto.
O Presidente do Ateneo Amado Garra explicou que “a UNED en Ponteareas, que apenas precisou até agora unha aula, pode instalarse en calquera Instituto de Educación Secundaria da localidade, como acontece coa Escola Oficial de Idiomas, ubicada no IES Val do Tea, posto que os seus cursos son maioritariamente de tarde. Aí é onde debe estar a UNED, nun centro educativo e non nun Centro Cultural”.
Segundo Mera, o que xa resulta un “insulto e provocación para Ponteareas é que se prive a todos os colectivos sociais e á xente en xeral do Centro Cívico para que a UNED imparta cursos de pago para o seu proveito. Ademais dun hostal para artistas, o goberno municipal dedica o Centro Cívico a actividades de pago, mentres as asociacións non podemos ofertar actividades culturais e formativas gratuitas abertas a toda a poboación”.
O Presidente do Ateneo considerou “lamentábel e alucinante” que na programación de cursos da UNED no Centro Cívico, dispoñíbel na súa web, se inclúe un curso de lingua galega, CELGA 3, de pago, cando a Xunta os ofrece gratuitamente nas Escolas Oficiais de Idiomas. Ademais, engade o Ateneo, ofértanse cursos de inglés cando esa formación xa se oferta na Escola Oficial de Idiomas en Ponteareas.
Mera sinalou que a UNED, contra o que pode pensar moita xente, non imparte cursos universitarios en Ponteareas, senón actividades como as que os colectivos fan nas Casas Culturais das parroquias. Así, o presidente do Ateneo cita un curso de bailes latinos, de 50 euros, dende outubro até xaneiro ou outro curso sorprendente, de só 2 horas de duración, sobre como facer turismo cun presuposto reducido.
Ademais a UNED tamén quere desenvolver no Centro Cívico cursos de actividade física como o titulado “Movemento orgánico” para, segundo a web da UNED, “aprender a despertar e fortalecer zonas adormecidas o débiles de nuestra musculatura” e no que os asistentes deben levar esterillas e mantas ao Centro Cívico, o mesmo material do que hai que dispoñer para outro curso de “Introducción ao Ioga”.
Mera advertíu que dende o Ateneo Amado Garra e co apoio social “non imos parar até conseguir que a UNED e a Residencia de Artistas deixen de okupar, con “K”, o Centro Cívico que é o noso Centro Cultural do centro urbano de Ponteareas e que a xente e os colectivos poidan empregar este espazo para conferencias e proxeccións, obradoiros e cursos, exposicións ou reunións.