Ponteareas | O Ateneo Amado Garra, a través do seu Presidente Roberto Mera, expresou a súa satisfacción pola concesión, por parte da Xunta de Galicia, da medalla Castelao a Maite Isla, Presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS).
O Ateneo felicita á galardonada e considera o recoñecemento un merecido acto de xustiza. “Maite Isla é un exemplo de entrega absoluta e de xenerosidade cos refuxiados do pobo saharaui, aos que leva consagrada boa parte da súa vida”, salientou Mera, quen lembrou que o Ateneo Amado Garra ten entre os seus fins estatutarios a promoción e defensa dos dereitos humanos e dos valores democráticos e solidarios.
O Presidente do Ateneo engadíu que “este recoñecemento permite tamén visibilizar aínda máis a inxustiza que soporta o pobo saharaui e as ducias de milleiros de persoas que levan décadas vivindo en campos de refuxiados en Arxelia ou que soportan a represión nos territorios ocupados, agardando que a comunidade internacional obrigue a Marrocos a cumprir as resolucións das Nacións Unidas”.
O Ateneo Amado Garra recibíu con satisfacción a nova do recoñecemento a Maite Isla coincidindo coas xestións que o propio Ateneo e a Presidenta de SOGAPS están a realizar para organizar conxuntamente neste verán un acto dirixido aos nenos e nenas saharauis e ás familias acolledoras no marco do programa Vacacións en Paz. As fotos desta nova corresponden ao ano 2004.