Ponteareas | O Ateneo Amado Garra puxo hoxe en coñecemento da Dirección General de Fondos Europeos do Ministerio de Hacienda a intención do goberno municipal de Ponteareas de modificar o destino e uso do Centro Cívico contradicindo os acordos, informes e documentos que permitiron hai varios anos a concesión de preto de 1 millón de euros pola Unión Europea ao Concello de Ponteareas.
A comunicación, suscrita por asociacións como a Comunidade de Montes de Ponteareas, asociación cultural solidaria Chambo Libris, a protectora Gatitude, a asociación de alfombristas da rúa dos Ferreiros primeiro tramo, as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública e O Condado con Palestina, repasa toda a documentación que é pública e na que se plasma un Centro Cívico como espazo concebido para os colectivos sociais e para segmentos da sociedade como a mocidade e a infancia.
No escrito, asinado polo Presidente do Ateneo, Roberto Mera, advírtese ao Ministerio de Hacienda de que o concello anunciou nos medios de comunicación a intención de cambiar os usos para converter o Centro Cívico nun espazo de aloxamento denominado “residencia de artistas”. Ademais, e como proba desas intencións, coa comunicación acompáñase a documentación referente ao intento recente de contratación, por parte do Concello, do mobiliario para o Centro Cívico, consistente en habitacións completas, cociña, comedor e sala de estar.
A comunicación recolle unha ampla argumentación xurídica que conclúe demostrando que “o anunciado polo Concello incumpre as obrigas establecidas na financiación da UE, entre elas a de destinala ao acordado e aprobado cando se concedeu a axuda e a obter os resultados anunciados e previstos”. Mera sinalou que se enumeran no escrito até oito incumprimentos das obrigas e requisitos establecidos normativamente.
Os documentos aprobados no seu día establecían literalmente un Centro Cívico con “espazos expositivos, salas de usos múltiples, de uso compartido, para o seu uso polas distintas entidades, asociacións e colectivos sociais da vila para a celebración de reunións e outras actividades que faciliten a súa actividade interna (traballos de xestión, depósito de documentos) e tamén servan como espazo para o desenvolvemento das súas actividades sociais lúdicas e formativas”.
O Ateneo e resto de colectivos solicitan no escrito que “se adopten as medidas necesarias para asegurar o cumprimento da normativa e requisitos que regulan a financiación europea concedida para o Centro Cívico, asegurando que esa actuación se execute conforme ao previsto e acordado no seu día e se destine ao uso social previsto para a poboación en xeral e para os colectivos sociais e mocidade en particular. Por último o Ateneo e resto de colectivos solicitaron de novo unha reunión urxente coa alcaldía do Concello de Ponteareas.