O Ateneo Amado Garra organiza unha conferencia sobre Amado Garra e a súa relación cos lisboanos

Será este 15 de novembro na Casa Cultural de Areas coa intervención do profesor da Universidade do Minho, Carlos Pazos

Ponteareas | No marco do Ano Amado Garra que organiza o Ateneo ponteareán, este venres día 15, ás 20:30 horas, na Casa Cultural de Areas terá lugar a primeira das conferencias incluidas no ciclo que se desenvolverá durante todo o mes de novembro.

Baixo o título “Lisboanos, entre as terras de destino e as de origem. Notas para o caso de Amado Garra”, o profesor da Universidade do Minho, Carlos Pazos, abordará o fenómeno da emigración de Ponteareas e O Condado a Lisboa a finais do século XIX e comezos do século XX e a relación de Amado Garra coa colonia dos chamados “lisboanos”.

Carlos Pazos, natural de Redondela, é Doutor en Ciencias da Cultura pola Universidade do Minho, licenciado en filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, posgraduado pola Universidade de Porto, mestre en Teoría da Literatura e Literatura Portuguesa pola Universidade do Minho e Máster en Cultura Española Contemporánea pola Universidade de Alcalá. Na actualidade é profesor do Departamento de Estudos Románicos da Universidade do Minho.

Nesta universidade dirixe a Licenciatura de Estudos Culturais e o Doutoramento en Ciencias da Cultura. Integra, como investigador, o Grupo Galabra-Uminho do Centro de Estudos Humanísticos e coordena o Centro de Estudos Galegos. Gañou o Premio Carvalho Calero de Investigaçao en 2009 con Trajectória de Alfredo Guisado e a sua relação com a Galiza (1910-1921) e presidiu a Asociación Internacional de Estudos Galegos (2022-2024).

Entre os seus temas de investigación está a traxectoria cultural da colonia galega de Lisboa entre fins dos século XIX e primeiras décadas do XX. É autor de varios libros e numerosos traballos de investigacións, entre eles o libro Alfredo Guisado. Xente d’a Aldea e outros textos das orixes, adicado á figura do escritor oriundo de Pías (Ponteareas) e publicado polo Concello de Ponteareas. Amado Garra tivo unha estreita relación coa colonia galega en Lisboa, co propio Presidente da República Portuguesa Bernardino Machado, foi ademais cónsul de Portugal en Vigo e gran amigo de Alfredo Guisado, quen publicou boa parte da súa obra poética no xornal de Garra, El Tea, un xornal estreitamente ligado á emigración ponteareán e da comarca na capital portuguesa.

A conferencia desenvolverase na Casa Cultural de Areas, despois de que o Concello denegara ao Ateneo Amado Garra todos os locais solicitados, dende o Centro Cívico á Sala Multiúsos do Auditorio pasando polo Salón de Plenos do Concello.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.