O Ateneo Amado Garra organiza unha homenaxe a Guillermo Rodríguez coincidindo co 40 aniversario da fundación do xornal A Peneira

O vindeiro 9 de agosto en Ponteareas

Ponteareas | Coincidindo co 40 aniversario da aparición do xornal A Peneira, en 1984, o Ateneo Amado Garra renderá homenaxe o vindeiro 9 de agosto ao seu cofundador e director, Guillermo Rodríguez Fernández. Mestre, xornalista, político galeguista, sindicalista do ensino, impulsor e directivo de diferentes asociacións veciñais e culturais, Guillermo Rodríguez foi en 1984 cofundador e director de A Peneira

O Presidente do Ateneo, Roberto Mera, salientou que “se trata dun acto de xustiza cunha persoa comprometida dende hai máis de 60 anos co seu pobo, coa súa comarca e con Galicia, exemplo de perseverancia e entrega a innumerabeis causas sociais e culturais e impulsor e motor dun xornalismo comarcal con vocación transformadora, que xa forma parte da nosa historia xunto con cabeceiras emblemáticas como El Tea de Amado Garra”.

Guillermo Rodríguez (Lira, Salvaterra de Miño, 1940) obtivo a praza de mestre por oposición en 1962, con só 22 anos, exercendo en localidades como A Cañiza, Vigo, A Estrada, As Neves ou Salvaterra de Miño. Nos anos setenta foi representante do sindicato Movemento de Mestres de Pontevedra. En paralelo coa súa actividade docente e sindical, na que impulsou diferentes iniciativas a prol da educación secundaria no rural, Guillermo Rodríguez formou parte do Partido Galeguista nos anos 80 como membro do comité local de Vigo e comarcal do Condado.

Ademais foi e é un activista social: impulsou e presidíu a Federación de Asociación de Veciños/as de Salvaterra de Miño e a Asociación Cultural “Fogar de Breogán” de Lira a través da cal creou unha coral, unha revista, unha biblioteca e un concurso de poesía para estudantes de primaria do Condado; reconstituíu nos anos 90 a Comunidade de Montes de Ponteareas que presidíu durante moitos anos, recuperando o monte que se atopaba en mans do Concello, e actualmente é Presidente da Asociación Cultural solidaria Chambo Libris, adicada a apoiar a ONGs a través da venda de libros usados.

No campo do xornalismo, foi correspondente do Faro de Vigo e da Voz de Galicia en Ponteareas nos anos 80 e en 1984 funda, xunto a outras persoas de Ponteareas e da comarca Edicións Galicia Sur SA (EGASUR), editora que publicará a partir dese mesmo ano o xornal A Peneira e que ao longo destas décadas promoveu a publicación de numerosos libros, tanto ensaios e investigacións históricas como relatos, humor gráfico, etc.

“En 1984 funda, xunto a outras persoas de Ponteareas e da comarca Edicións Galicia Sur SA (EGASUR), editora que publicará a partir dese mesmo ano o xornal A Peneira”

Hoxe, 40 anos despois da aparición de A Peneira, Guillermo Rodríguez é o editor e director de dúas cabeceiras en papel e dixitais, Foro A Peneira e Novas do Eixo Atlántico, xornais que continuan a estela marcada no seu día por A Peneira e que incluiron nestes anos suplementos como O Farelo, de humor gráfico, e Kalaikia, de cultura.

Roberto Mera salientou que “Guillermo Rodríguez é un exemplo de compromiso e de persoa incombustíbel e incansábel ao longo de máis de seis décadas no traballo por transformar o noso país, unha desas persoas imprescindibeis e un bo e xeneroso que, ao igual que Amado Garra, deixa para a historia de Ponteareas e do Condado un legado xornalístico imprescindíbel para entender o noso pasado máis recente”.

O Ateneo informará nas vindeiras semanas do programa específico de actos que se celebrarán o venres 9 de agosto para recoñecer a figura de Guillermo Rodríguez e que incluirá un acto público, actuacións musicais e unha cea, actos nos que se agarda a participación e presenza de innumerabeis persoas e personalidades de todo o país que queren ser partícipes desta merecida homenaxe.