Ponteareas | O Ateneo Amado Garra dirixíu un escrito a colectivos sociais da vila de Ponteareas e aos partidos políticos animándoos a dar o seu apoio e a participar na concentración que en defensa do Centro Cívico se celebrará o vindeiro sábado 26, ás 12:00, no edificio situado na Praza Maior.
No escrito, o Presidente do Ateneo Roberto Mera lembra que o Centro Cívico concebíuse especialmente para o tecido asociativo do Concello e, especialmente, do centro urbano. “O Centro Cívico é o espazo para a vida interna das asociacións, pois a rehabilitación do edificio incluíu a creación de espazos para que os colectivos podan celebrar as reunións das súas directivas e incluso dispoñer de medios como mobiliario ou material informático para a súa xestión interna”, explica Mera.
Ademais, o edificio conta cunha sala de usos múltiples para que as asociacións poidan organizar e desenvolver todo tipo de actividades, dende conferencias ou proxeccións e exposicións até cursos e obradoiros, como acontece en moitas casas culturais das parroquias.
No pasado mes de xuño 13 colectivos acudiron á reunión convocada polo Ateneo para informar sobre o Centro Cívico e, posteriormente, sete deles suscribiron unha denuncia presentada perante a Dirección General de Fondos Europeos do Ministerio de Hacienda, na que se poñía en coñecemento deste organismo a intención do Concello de Ponteareas de modificar o destino do Centro Cívico, que agora se confirma co anuncio de inauguración dunha Residencia de Artistas. Mera explicou que “onde o goberno pretende colocar camas, sofás, cociña e sala de estar, os colectivos sociais queremos o que estaba previsto no proxecto que foi pagado con fondos europeos: salas de reunións e actos, mesas, cadeiras, proxectores e todo o necesario para que o Centro Cívico serva para toda a xente e non para uns poucos”.