Ponteareas | O Ateneo Amado Garra, a través do seu Presidente Roberto Mera, amosou a súa preocupación polo que considera “preocupantes retrocesos culturais” que se produciron en Ponteareas nos últimos 12 meses.
A Comisión de Cultura do Ateneo avaliou as decisións tomadas polo actual goberno
municipal no seu primeiro ano de mandato en materia cultural advertindo da
desaparición de diferentes eventos, premios ou programas culturais que “estaban
consolidados e que, nalgúns casos, estaban poñendo a Ponteareas no mapa da
cultura galega”.
Así, o Ateneo explica que tras 5 anos celebrándose, o Festival Internacional de Teatro
na Rúa desapareceu no verán de 2023 e non está anunciado tampouco para o 2024.
Os Xogos Florais, cos que se viña premiando dende había 7 anos a producción
poética na nosa localidade, non se convocaron en 2023 nin tampouco neste ano. O
mesmo acontece cos Premios Lingua Empresa que, con tres categorías de galardóns
e dende había 5 anos, viñan recoñecendo o 17 de maio a aquelas empresas e
comercios que apostaban polo uso do galego na súa actividade.
Estes premios non foron convocados en maio de 2024. Por r outra banda, o Concello eliminou o programa Cultura 24 a través do cal as Casas Culturais das parroquias ponteareáns eran escenario de actuacións de calidade, que doutro xeito serían inasumibeis
economicamente para as asociacións. Por outra banda, o programa de ámbito galego
APEGO, ao que Ponteareas estaba adherido, dirixido a promover o galego como
lingua inicial entre as crianzas, deixou de desenvolverse na nosa localidade sen máis
explicacións.
O Festival das Danzas de Reis que se celebraban dende 2017 xa non se volveu a organizar. AAos festivais “Algazara Danzando entre Culturas” e “Sadeo” reducíuselles o apoio económico. Ademais, nestes últimos meses deixáronse de celebrar as homenaxes a Rosalía de Castro e Castelao que se viñan realizando dende 2016. A todo o anterior hai que engadir que o pasado ano o Concello non convocou as subvencións dirixidas a colectivos e Casas Culturais que viñan ascendendo a 50.000 euros a repartir entre todas elas.
Este ano foron convocadas, pero coa mesma contía de 50.000 euros e polo tanto sen compensar a falta de convocatoria do pasado ano, o que supuxo un duro revés para moitas Casas Culturais que cubren con esas subvencións os gastos básicos que, como a electricidade, son asumidos polas asociacións e non polo Concello.
Finalmente, o Concello decidíu cambiar o uso cultural contemplado para as naves de
Aceros del Tea para destinalo a uso comercial. O proxecto aprobado no seu día polo
Concello contemplaba a creación dun espazo cuberto de grandes dimensións para
eventos culturais, así como espazos específicos para ensaios e actividades
relacionadas con disciplinas artísticas como a música, a danza ou o teatro.
Mera sinalou que o Ateneo pedíu xa explicacións ao Goberno Municipal e unha
reunión coa alcaldesa e a concellaría de Cultura para abordar esta situación que
considera “inexplicábel. Non se pode entender que en lugar de avanzar e mellorar se
retroceda tanto en tan pouco tempo”.
O Ateneo reclama que se retomen todas esas actividades culturais e de apoio á lingua e que se incremente a dotación para as Casas Culturais compensando os 50.000 euros non repartidos en 2023.