Ponteareas | O Ateneo Amado Garra presenta o vindeiro xoves 4 ás 20 horas, na Biblioteca-Museo Municipal de Ponteareas, o libro “Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global”. O acto celebrarase na Biblioteca Museo de Ponteareas e o autor será presentado por Roberto Mera, presidente do Ateneo Amado Garra.
A historia de Frank López -Francisco López García (1885-1967), natural de Bemantes, Miño- non é unha historia común, nin sequera dende os parámetros en que se moveron os anarquistas de orixe galega nos Estados Unidos.
O libro aborda a historia dun simple individuo para explicar a traxectoria transnacional dun movemento, como o dos anarquistas galegos, e peninsulares, que, localizado nos Estados Unidos, tamén estendeu os seus brazos pola súa contorna xeográfica, nunha sorte de intercambio propagandístico, financeiro e axitador que o mantivo vivo e vixente durante os primeiros trinta anos do século XX. Bieito Alonso ofrécenos en “Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global” un material de extraordinario interese que nos achega a unha desas moitas persoas, nadas en Galicia, que desenvolveron un papel singular nalgún dos acontecementos históricos máis relevantes do primeiro terzo do século pasado.
Bieito Alonso (Ourense, 1958). Historiador, é autor dun número importante de obras, entre as que destacan: Breve historia do nacionalismo galego (1999), O exilio de Castelao. 1939-1950. Pensamento e acción política (2000), O sindicalismonacionalista galego, 1972-1982 (2003), Obreiros alén mar. Mariñeiros, fogoneiros e anarquistas galegos en New York (2006), A Nosa Terra, xornalismo e nacionalismo político (2008) Anarquistas galegos en América, Premio da Crítica de Galicia na categoría de Investigación 2020 (Galaxia, 2019) e Estendendo a rebelión. Sindicalistas marítimos galegos na América atlántica (Premio Manuel Murguía de Ensaio, 2021), así como unha manchea de traballos en obras de carácter colectivo e artigos en revistas especializadas.